A USC pecha a final de mes a presentación de comunicacións á Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica
A USC mantén aberto durante o mes de setembro o prazo de presentación de comunicacións á decimo oitava edición da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica (ECSOC 18), un congreso virtual promovido polo grupo de investigación de Novas Metodoloxías Sintéticas da USC, integrado polos profesores do Departamento de Química Orgánica na Facultade de Ciencias Julio A. Seijas e Pilar Vázquez Tato, e no que se prevé a recepción dun centenar de traballos doutros tantos investigadores de todo o mundo.
Esta nova edición da conferencia electrónica de química de síntese orgánica, un foro que conta con financiamento da Vicerreitoría de Coordinación de Lugo e se desenvolverá de xeito virtual a través da web http://www.sciforum.net/conf/ecsoc-18 ao longo do mes de novembro de 2014, permitirá a químicos e investigadores de países de todo o mundo intercambiar e compartir traballos sobre macromoléculas, polímeros, líquidos iónicos, química computacional, síntese iónica por microondas... O catedrático do Departamento de Química Orgánica da USC e principal impulsor deste congreso, Julio A. Seijas, subliñou a calidade das comunicacións que ano tras ano se presentan a debate e que logo permanecen accesibles en repositorios de referencia internacional. Asemade, Seijas precisou a existencia dun amplo e diverso comité científico que ten entre os seu cometidos a aceptación ou non das comunicacións presentadas logo dun análise previo. Alén da dilatada traxectoria da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica, un congreso internacional que xa vai pola edición número 18 e que desde hai máis dunha década organiza o grupo de investigación en Novas Metodoloxías Sintéticas da USC, Julio A. Seijas, subliñou que este tipo de congresos favorece a relación e o establecemento de contactos entre investigadores de moi distintos países, ao tempo que tamén reforza a posición da USC no escenario mundial e contribúe, se cabe, a dar unha maior visibilidade internacional ao campus de Lugo e ás investigacións que nel se desenvolven no eido da Química.