Ir o contido principal

A USC pecha as súas instalacións a partir do luns 16

Fachada do Colexio de San Xerome, sede da Reitoría compostelá. Foto: Santi Alvite
Fachada do Colexio de San Xerome, sede da Reitoría compostelá. Foto: Santi Alvite
As medidas seguen as directrices e recomendacións emitidas polo Goberno e as autoridades con competencia sanitaria. Reducindo a actividade presencial búscase romper a cadea de transmisión do virus.
Lugo, Santiago de Compostela

A partir do luns 16 de marzo todas as instalacións da Universidade permanecerán pechadas, agás as residencias universitarias que manterán servizos básicos, tal e como establece a resolución reitoral aprobada este sábado pola USC. As medidas aprobadas xorden como resposta á situación de Emerxencia Sanitaria declarada o venres polo Consello de Xunta de Galicia e á declaración de Estado de Alarma por parte do goberno estatal. No seu conxunto, estas medidas seguen as directrices e recomendacións emitidas polo Goberno e as autoridades con competencia sanitaria. Reducindo a actividade presencial búscase romper a cadea de transmisión do virus.

Ordénase asemade o peche de todas as cafeterías, a excepción daquelas que se sitúen en colexios e residencias universitarias onde permaneza alumnado aloxado, que deberán limitar a súa actividade única e exclusivamente ao alumnado residente e ao persoal que se atope prestando servizo nesa instalación. No resto de instalacións e co único fin de que o persoal retire o material necesario para desenvolver as súas funcións de xeito non presencial, o luns 16 os edificios abrirán de 9:00 a 14:00 horas. O tempo de permanencia no edificio reducirase ao mínimo indispensable para ese fin, evitando a aglomeración de persoas.

Permanecerán abertas ao público as oficinas de asistencia en materia de rexistro en tanto non se dispoña o contrario procurando en todos os casos nos que sexa posible a tramitación telemática e a atención telefónica dos procedementos.

Comité de crise

A resolución reitoral contempla asemade a creación dun comité permanente, formado pola Reitoría, a Secretaría Xeral e a Xerencia para o seguimento da situación e a adopción de cantas medidas sexan necesarias durante o tempo que se prolongue o estado de alarma. Por medios telemáticos e por vía telefónica manterase un contacto continuo co resto de membros do equipo de goberno e co resto de cargos cos que se precise.

Persoal

O luns 16 de marzo determinaranse tamén o resto de servizos e unidades que, para manter a súa actividade, requiren da presenza de persoal e, polo tanto, o persoal que disporá de autorización para acceder ás instalacións da Universidade. Así mesmo, publicaranse o resto de disposicións necesarias para concretar as actividades non presenciais e as condicións nas que se desenvolverán. Todas as persoas traballadoras da USC deberán estar localizables por vía telefónica para o que facilitarán a información necesaria aos seus responsables directos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.03.2020.