A USC planificará a renovación do seu cadro de PDI consonte criterios estruturais
O Consello de Goberno da Universidade de Santiago abordou este martes a estratexia de consolidación dos investigadores procedentes dos programas de Recursos Humanos. Na xuntanza decidiu por maioría, unha vez estudado o informe presentado polo equipo de dirección da USC, consolidar en 2012 sete investigadores e crear igual número de prazas en áreas deficitarias, e en adiante aplicar criterios estruturais para planificar o seu cadro de persoal. No informe presentado obsérvase que nos últimos sete anos a universidade estabilizou 77 investigadores, dos que só o 59% recibiron axudas para esa estabilización (I3 ou Manuel Colmeiro). Ditas prazas concentráronse fundamentalmente en áreas non incluídas no plan de choque (2007-10) deseñado pola USC para corrixir os desequilibrios do seu cadro de persoal que prevía crear 50 prazas e das que finalmente só se materializaron 23. Esta situación, que se arrastra no tempo, e as limitacións orzamentarias actuais –a USC ten conxelado o Capítulo I dos orzamentos de 2012- levaron ao actual equipo de dirección a formular unha proposta de creación de 5 prazas de estabilización (máximo unha por gran área de coñecemento e de cuxa selección se encargará un organismo externo) máis dúas nas áreas dos investigadores Ramón y Cajal que acadaron Starting Grants e que rematan o seu contrato en 2012. Ademais, comprométense a crear paralelamente outras sete en áreas deficitarias. O equipo de dirección, asumindo un cambio na dinámica, advirte ademais que de aquí en adiante todas as decisións de creación de prazas se rexerán por una planificación estratéxica baseada en criterios estruturais.