Ir o contido principal

A USC pon a disposición do Club de Fútbol Sala Lobelle prazas no Servizo Universitario de Residencias para os xogadores matriculados na Universidade

A USC porá a disposición do Club de Fútbol Sala Lobelle prazas do seu Servizo Universitario de Residencias para aqueles xogadores que ademais estean na actualidade matriculados en titulacións da institución académica compostelá. A iniciativa forma parte do convenio de colaboración que este venres 17 presentaron o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos, e o presidente do Club de Fútbol Sala Lobelle, José A. Lobelle Quintillán, nun acto celebrado na sede da vicerreitoría compostelá.
En total, a USC reservará un máximo de dez prazas aplicando tarifas especiais que oscilan entre os 73 e os 94 euros mensuais, segundo se trate de habitación dobre ou individual. O período no que os xogadores poderán facer uso dos cuartos das residencias estenderase dende outubro a xuño de cada período académico. Para este mesmo curso, xa van beneficiarse do acordo tres xogadores do club.
Tanto José M. Mayán como José A. Lobelle coincidiron en resaltar que o convenio pon de manifesto o feito de que o deporte de elite é perfectamente compatible cos estudos universitarios e, incluso, un complemento do período formativo.
Pola súa banda o Club Lobelle ofrecerá un desconto do 40 por cento no carné de socio do club aos membros da comunidade universitaria da USC polo que a cota de alta ascenderá a 40 euros e a de renovación anual a 30 euros. Ademais, a entidade deportiva fará constar na súa publicidade habitual a colaboración da Universidade co club.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2008.