A USC pon en marcha a segunda edición do Programa de Acompañamento de Estudantes
A Vicerreitoría de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela puxo en marcha este luns a segunda edición do Programa de Acompañamento de Estudantes (PAE) na súa convocatoria de marzo. As varias decenas de universitarios que participan nesta iniciativa coincidiron na Facultade de Dereito nun acto ao que asistiu o vicerreitor Lourenzo Fernández Prieto xunto co coordinador de Relacións Exteriores, Francisco Javier Sanjiao Otero.
Como apuntou Lourenzo Fernández no encontro, co PAE preténdese impulsar e facilitar a integración na lingua e cultura galegas dos estudantes foráneos que acoden a estudar á USC a través de distintos programas de intercambio ao tempo que se lles subministra información sobre os servizos da propia Universidade.
O programa defende a vantaxe comparativa que achega a diversidade e a pluralidade na convivencia e na formación de capital humano, e ten por obxectivo promover o diálogo e o intercambio cultural. Así, contempla charlas e seminarios sobre integración impartidos por persoas que traballan neste eido e visitas guiadas coas que se pretende familiarizar aos alumnos acollidos na realidade e nos valores da sociedade galega.
As visitas programadas, segundo informou Francisco Sanjiao, serán ao Parlamento de Galicia, Museo do Pobo Galego, Centro Galego de Arte Contemporáneo, patrimonio da Universidade de Santiago e pola cidade compostelá. Ademais, o coordinador da USC lembrou aos estudantes que poden propoñer novos lugares e escoller unha data axeitada.
Por outra banda, os alumnos galegos actuarán como cicerones para facilitarlles unha visión máis próxima sobre a vida en Compostela, que permita unha resposta máis individualizada ás necesidades ou preguntas dos alumnos de fóra da nosa comunidade.
Os alumnos da USC obterán desde teito unha formación interdisciplinaria sobre temas de integración e diálogo intercultural, tanto dende unha perspectiva teórica como dende unha práctica que lles permite acceder a un crédito de libre configuración recoñecido para todas as titulacións da USC.
Para a realización deste programa cóntase co apoio da Dirección Xeral de Xuventude da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo do Concello de Santiago, e coa colaboración da Mesa de Normalización Lingüística, aproveitando a súa experiencia nos programas de dinamización e inmersión na cultura e na lingua galega.