A USC pon en marcha na Facultade de Veterinaria un programa formativo en experimentación animal pioneiro en Galicia
O programa formativo en experimentación animal 2019-20 promovido pola USC como unha oferta específica pioneira no Sistema Universitario de Galicia (SUG) botou a andar este mércores na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. A directora do Centro de Estudos Propios da USC, Ana Díaz, a xefa do departamento de Formación do Agacal, dependente da Consellería de Medio Rural, María Otero Reboiras, e a adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, participaron na sesión de apertura deste programa formativo, que está estruturado en varios cursos e que se reparte en máis dunha ducia de módulos e no que formalizaron a súa inscrición máis dun centenar de persoas nos cursos de roedores e lagomorfos e 20 noutras especies.
A oferta desta formación específica por parte da USC pretende dar resposta as esixencias recollidas na Orde ECC/566/2015, que, coa finalidade de garantir a protección e o benestar dos animais, establece os requisitos de capacitación que debe cumprir o persoal que manexe animais con fins de experimentación e outros fins científicos, incluíndo a docencia, lembrou López Mosquera.
A oferta de formación para acadar ditas capacitacións é moi escasa en Galicia. Gran parte da demanda atópase dentro da comunidade universitaria, pero tamén en hospitais, centros de investigación e centros de formación profesional. Isto explica que a USC impulsara desde o seu Campus de Lugo e a través da Vicerreitoría de Investigación e o Centro de Estudos Propios un programa formativo en experimentación animal composto por 14 cursos de formación continua para acadar as capacitacións en diversas funcións: A (coidado dos animais), B (eutanasia) e C (realización de procedementos), e en todas especies animais recollidas na lexislación vixente.
A proposta formativa deseñada desde a USC integra na docencia deste programa formativo en experimentación animal a persoal dos distintos centros usuarios de Galicia (hospitais, centros de investigación) e das outras universidades galegas, participando así como docentes un total de 40 expertos na materia.
A parte teórica-práctica estrutúranse en módulos para adquirir os coñecementos e destrezas necesarios para desempeñar de maneira autónoma as funcións descritas, cumprindo os requisitos que establece a orde ministerial citada e que permiten obter un diploma que garanta a superación dos cursos teórico-prácticos. Unha vez acreditada a parte teórico-práctica dun curso, o alumno debe facer unha segunda fase que consiste na realización dun traballo baixo supervisión, desenvolvendo as funcións estudadas nunha contorna real de traballo baixo a seguimento dun profesional competente. Cando ambas fases están superadas, a Xunta de Galicia expide un documento que certifica a capacitación correspondente.
O profesorado que participa nesta iniciativa provén fundamentalmente do Campus Terra, en Lugo, e do Campus Vida, en Santiago, porque entre ambos campus existe o persoal cualificado, e as infraestruturas necesarias para facelo (animalarios, hospital Rof Codina, Cebiovet).
As directoras dos cursos que integran este programa formativo en experimentación animal, as profesoras da USC na Facultade de Veterinaria Laura Sánchez, Mar Yllera e Noelia Miño, tamén participaron o acto informativo e de benvida ao alumnado inscrito, unha sesión á que tamén asistiu o director xerente do Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz Palomino.
De esqwuerda a dereita, Elvira López Mosquera, María Otero e Ana Díaz, en Veterinaria