Ir o contido principal

A USC porá en marcha o vindeiro curso o Programa de Acompañamento de Estudantes Estranxeiros

Con este apadriñamento de estudantes foráneos a USC súmase a unha iniciativa amplamente estendida nas Universidades europeas

A USC porá en marcha o vindeiro curso unha iniciativa pola cal estudantes voluntarios farán de ‘padriños’ dos alumnos foráneos que o soliciten, orientándoos tanto na propia Universidade como na vida cotiá da cidade. O Programa de Acompañamento de Estudantes (PAE) da USC presentouse este mércores na Vicerreitoría do Campus de Lugo nunha rolda de prensa na que participaron o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández, e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón.
Deste programa poderanse beneficiar os máis de 1.200 estudantes Erasmus, Séneca e de intercambios bilaterais que cada ano se achegan a estudar á Universidade de Santiago. No curso 2006-07 foron 693 os alumnos cunha bolsa Erasmus que se achegaron a Santiago e Lugo para cursar estudos universitarios, 136 os procedentes dalgunha outra Universidade española e 393 os estudantes foráneos acollidos a algún convenio bilateral asinado coa USC.
Baseada na figura do ‘fatherhood’ maioritariamente estendida nas Universidades europeas aínda que non tanto nas españolas, este programa de apadriñamento de estudantes estranxeiros pretende facerlle máis doada a súa adaptación á vida universitaria. Deste xeito, respondendo a unha demanda formulada ano tras ano polos alumnos que se achegan á USC, recibirán axuda desde a súa chegada á institución ata integrarse na vida cidadá e nas rutinas universitarias.
A iniciativa organízase en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e de Solidariedade e a Mesa pola Normalización Lingüística, dentro do seu Voluntariado de Activación Lingüística (VAL) que ata o de agora está a contar cunha notable aceptación nos eidos onde xa foi desenvolvido.
ActividadesO programa prevé diversas actividades en grupo, que comezarán a finais de setembro coa semana de recepción de estudantes foráneos na que se lles presentará aos acompañantes voluntarios, coñecerán os dous campus universitarios, o Parlamento Galego e o patrimonio histórico da USC.
Os estudantes da USC que desexen ser voluntarios e os estranxeiros que se interesen por participar no programa deberán cubrir os correspondentes cuestionarios na páxina do VAL (valingua.org).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2007.