Ir o contido principal

A USC premia unha experiencia baseada en dinámicas de simulación como estratexia formativa na titulación de Educación Social

Entregados os VI Premios á Innovación Educativa e Mellora da Calidade Docente na USC

A profesora Mª Carmen Morán de Castro, do Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social da Facultade de Ciencias da Educación, acadou o primeiro Premio á Innovación Educativa e Mellora da Calidade Docente na USC como responsable da iniciativa ‘Dinámicas de simulación como estratexia formativa na titulación de Educación Social. Convocatoria de programas de dinamización sociocultural’.
Os galardóns, de periodicidade bianual, teñen como finalidade fomentar a calidade e a innovación educativa no ensino superior para dar pulo aos procesos de mellora do ensino-aprendizaxe nos centros e departamentos da Universidade de Santiago, e contribuír á colaboración institucional na construción do espazo europeo de ensino superior. Para iso prémianse seis experiencias relacionadas con algún tipo de actividade con posibilidades de incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na universidade, realizándose unha valoración dos seus beneficios mediante a achega de datos do alumnado e unha estimación do grao posible de permanencia da mellora acadada.
A entrega dos premios, na súa sexta edición, tivo lugar no Colexio de San Xerome nun acto presidido polo reitor Senén Barro e ao que, entre outros, asistiron a presidenta do xurado, a vicerreitora de Calidade e Planificación, Dolores Álvarez; a secretaria do mesmo, Felicidad Barreiro; e os vogais Xosé Cajide, Xosé Sordo, Dolores Andrés, José Carlos de Miguel e María Luisa Sanjuan.
As experiencias premiadasO segundo premio recaeu no proxecto ‘Algunhas posibilidades das ferramentas virtuais como apoio á docencia presencial: unha experiencia na titulación de Relacións Laborais’ cuxo responsable foi Carlos Javier Álvarez Fernández, profesor do Departamento de Organización de empresas e comercialización.
‘Guía didáctica interactiva. Unha experiencia educativa innovadora na temática: Medidas e experiencias para a mellora do rendemento académico’ da profesora de Veterinaria Vicenta Rueda Núñez, e ‘Innovación docente en Bioestatística para a adquisición de competencias (Licenciatura en Bioloxía, 1º curso)’ coordinado pola docente de Matemáticas Rosa María Crujeiras Casais acadaron o terceiro e cuarto premio, respectivamente.
Por último, o profesor Enrique Macías Virgós, da Facultade de Matemáticas, foi o responsable da experiencia ‘Matemáticas para Farmacia’ recoñecida co quinto premio, mentres que ‘O traballo de investigación no ensino universitario: tácticas integradoras do labor colectivo’, responsabilidade da profesora de Filoloxía Soledad Pérez-Abadín Barro, foi merecedora do sexto.
Nesta sexta edición da convocatoria o xurado decidiu conceder tamén dous accésits, estes xa sen dotación económica, aos proxectos ‘Biotecnoloxía en Acuicultura: A concorrencia na aula como introdución ao mundo profesional’ de Ana María Otero Casal e a ‘Concerterio: concertos didácticos para centros escolares’ de Cecilia Portela López.
Os premiosA estes premios que convoca o Instituto de Ciencias da Educación se poden presentar experiencias de innovación en materias regradas, xa realizadas por centros, institutos, departamentos ou equipos docentes e investigadores da Universidade de Santiago. Deben tratar sobre unha experiencia educativa innovadora realizada no ámbito da USC nos últimos tres anos e que supoña algún tipo de práctica docente susceptible de ser ampliada e mesmo xeneralizada a outros contextos do ensino superior, tanto dentro como fóra da USC. A experiencia terá sempre relación con algún tipo de actividade con posibilidades de incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na universidade.
As propostas que se presenten deben estar referidas ás temáticas Titoría universitaria; Practicum das diferentes titulacións; Experiencias que vinculen as aprendizaxes do alumnado con marcos de extensión universitaria (voluntariado, proxectos sociais ou culturais, entre outros); Medidas e experiencias para a mellora do rendemento académico; Avaliación das aprendizaxes; Comunidades de aprendizaxe e redes docentes; Uso de materiais dixitais na docencia; Emprego de portafolios; e Experiencias de desenvolvemento de guías docentes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.02.2008.