Ir o contido principal

A USC premia cinco ideas innovadoras con potencial empresarial a curto e medio prazo

Produción de hidróxeno a partir de residuos urbanos, pago da ora co móbil, xoguetes para nenos con problemas, micro-óptica e apiterapia, as propostas premiadas

A vicerreitora de Investigación e Innovación, Mª José Alonso, presidiu este mércores 20 o acto de entrega de premios aos gañadores da oitava edición do Concurso de Ideas Empresariais da USC. Nesta ocasión, premiáronse cinco propostas, dotadas cada unha delas cun premio en metálico de 600 euros, sobre produción de hidróxeno a partir de residuos urbanos, pago da ora co teléfono móbil, xoguetes para nenos con problemas, micro-óptica e sensores e apiterapia sen a picadura das abellas.
A convocatoria estaba aberta a emprendedores universitarios de toda Galicia cunha idea innovadora susceptible de converterse nun proxecto empresarial a curto e medio prazo, valorándose a viabilidade e o carácter innovador da idea, o seu grao de madurez e que teña en conta as políticas de igualdade.
No acto de entrega participaron, ademais da vicerreitora, o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato; o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán; o director do programa Uniemprende da USC, Carlos Hernández Sande; o subdirector xeral de Apoio á Contratación e Emprendedores, Jorge Barros de la Peña; e o xerente de Unixest, Gustavo Marcos.
A presente edición do concurso volveu rexistrar cifras de participación similares ao pasado ano con 260 ideas presentadas, na súa maioría vinculadas á área de Ciencias Xurídicas e Sociais, e máis particularmente á Facultade de Administración e Dirección de Empresas. Ademais, o 55 por cento das propostas foron impulsadas por mulleres.
Produción de hidróxenoMarta Acuña Vidal, de Enxeñaría Química da USC, é a autora da idea que propón a produción de hidróxeno a partir de residuos urbanos como combustible alternativo para vehículos. O resultado do proceso proposto sería a obtención de hidróxeno ao 99.9% de pureza, incluíndo ademais a posibilidade de comercializar electricidade.
Pagamento da Ora polo móbilOutra das ideas premiadas nesta edición propón o pagamento do estacionamento suxeito á Ora por medio do teléfono móbil. Trátase dunha idea de Miguel Varela Pérez, da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, que se aproveitaría da posibilidade de conectarse á máquina de control da Ora por medio da tecnoloxía Bluetooth ou por mensaxería SMS. A idea levaría asociados unha serie de produtos como son o hardware e o software necesarios para a acceder ao servizo así como para que os vixiantes da Ora poidan saber se o vehículo pagou ou non con este servizo sen necesidade de dispor un resgardo.
Xoguetes para nenos con problemasA fabricación de xoguetes para nenos con problemas é a proposta de Jeni Rodríguez Rico, da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, ao considerar que a maioría de xoguetes non veñen adaptados para poder adquiridos por un neno con dificultades auditivas, visuais ou de fala. Os produtos que comercializaría esta suposta empresa serían xoguetes para nenos maiores de cinco anos que levarían, en lugar de debuxos nos botóns, palabras que os identificasen en linguaxe Braille ou unha pantalla na que aparecerá o que di en caso de que estivese dotado de son.
MicroópticaDa Facultade de Química da USC é Manuel Gómez García, autor da idea Microoptica e sensores, que pretende levar ao mercado o deseño, adaptación ou construción de dispositivos sensores ópticos e tamén a fabricación de microcompoñentes ópticos baseados en fotorresinas de última xeración. Esta empresa dedicaríase aos sensores de fronte de onda e compoñentes ópticos totalmente personalizados en función das necesidades do cliente e cun tempo de prototipado de poucas horas. Tamén, ofrecería matrices de microcavidades para aloxar reactivos e mostras para biotest, igualmente personalizados, e microlentes e micro-elementos ópticos para montaxes compactas.
ApiterapiaFinalmente, Eva Estévez Forneiro, da Facultade de Medicina da USC, recibiu o premio pola idea ‘Apiterapia sen a picadura das abellas’ que pretende aproveitar o veleno das abellas, a apitoxina, pola súa capacidade antiinflamatoria, 100 veces superior á da cortisona, e analxésica. Segundo explica Estévez Forneiro na súa proposta a apitoxina non é unha sustancia simple, senón unha mestura relativamente complexa. O máis activo dos seus compoñentes é un líquido fortemente alcalino formado por unha mestura de proteínas, principalmente o polipéptido citotóxico melitina.
Deste xeito, esta empresa estaría en condicións de producir Apitoxina en crema, especialmente recomendada para a artrite reumatoide, a artrose e a esclerose múltiple e con excelentes resultados noutras doenzas como a gota, fibromialxias, febre reumática, lesións deportivas, lumbalxias, alerxías, asma, sinusite ou fatiga crónica, entre moitas outras. Ademais, podería producir a mesma substancia a modo de solución sérica e anestésica, como blister de comprimidos e melitinina en solución sérica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.02.2008.