A USC presenta as conclusións dun estudo sobre a pegada ecolóxica provocada polo consumo
O Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, presentará este martes 21 a exposición ‘A pegada ecolóxica’, organizada en colaboración coa Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, coa que se pretende ofrecer a través dunha serie de paneis o impacto ambiental que teñen as actividades cotiás no medio ambiente.
No acto de presentación, que terá lugar no Salón de Actos da Escola de Maxisterio ás 12:30 horas, estarán presentes o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; a responsable do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, Dora Blanco; o profesor do Departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais da USC Ramón López e Miguel Pardellas, representando á Sociedade Galega de Educación Ambiental.
Na exposición ofreceranse as conclusións do ‘Estudo de avaliación ambiental en centros da USC’ elaborado por este grupo, que permitirá facer unha comparación entre o consumo dun determinado sector de poboación coa limitada produtividade ecolóxica da Terra a través de porcentaxes.