Ir o contido principal

A USC, presente na entrega do premio Aquí Europa-Vocento ao Camiño de Santiago

Almudena Hospido, flanqueada por Rafael Sánchez e Domingo González
Almudena Hospido, flanqueada por Rafael Sánchez e Domingo González

A vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido, participou na gala de entrega dos Premios Aquí Europa-Vocento, entre os que se atopaban o concedido ao Camiño de Santiago na modalidade de iniciativa cultural que contribuíu á imaxe de Europa no mundo. O galardón recollérono, ademais da vicerreitora compostelá, o vicerreitor de Alumnado da Universidade de Navarra, Tomás Gómez-Acebo, e o director xerente da SA Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, ademais do director da cátedra institucional do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, Domingo González Lopo.

Estes premios recoñecen a traxectoria e o labor de personalidades e institucións a favor da construción europea. Na sesión celebrada na Casa da Historia Europea en Bruxelas con máis de 200 convidados/as tamén participaron, entre outras personalidades, Antonio Tajani, presidente da Eurocámara, e Ramón Luis Valcárcel, vicepresidente. A presidenta de Andalucía, Susana Díaz, foi unha das convidadas de honra durante á súa visita á capital comunitaria.

Cátedra do Camiño
A USC, xunto coa Axencia de Turismo de Galicia e a Catedral compostelán, promoven a Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións para promover a investigación, formación e transferencia do coñecemento sobre o Camiño de Santiago e a peregrinación. Ademais, entre os seus obxectivos figura a promoción da difusión dos valores asociados coa peregrinación e o fenómeno xacobeo mediante a realización de cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas. Fomentará tamén a promoción e organización daquelas iniciativas que contribúan a facilitar a reflexión e o debate cultural e académico no ámbito do Camiño co fin de acadar o seu mutuo enriquecemento intelectual e a mellora da súa formación cultural e universitaria.

A Cátedra tamén impulsará a colaboración con profesores e departamentos universitarios en todo o que favoreza a formación integral do alumnado e promoverá a investigación no campo do Camiño de Santiago e a peregrinación a Compostela. Por outra banda, crearase e manterase un fondo bibliográfico e documental sobre as materias específicas do Camiño e disciplinas relacionadas.

A vicerreitora de Internacionalización nun momento da súa intervención xunto a Tomás Gómez-Acebo (esquerda) e Rafael Sánchez. Foto: Pablo Garrigós

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2017.