Ir o contido principal

A USC presentou en Mozambique iniciativas de cooperación universitaria no ámbito da investigación con universidades africanas

No marco do II Encontro Internacional Universidades con África

Corenta e cinco universidades -21 españolas e 24 africanas- reuníronse a pasada semana na Universidade Eduardo Mondlane de Maputo (Moçambique) para participar no II Encontro Internacional Universidades con África e profundar no estudo dos problemas da ensinanza superior nese continente e avanzar na construción de redes universitarias con obxectivos específicos ligados ao desenvolvemento.
No encontro tratouse o papel das universidades africanas como factores de desenvolvemento nos seus países e as relacións que manteñen co seu entorno social, económico e cultural. Ao tempo, deuse conta das experiencias máis destacadas, “escasas” na opinión dos expertos, das universidades españolas en proxectos de cooperación con África e das principais liñas estratéxicas que deben guiar actualmente estas accións a fin de garantir a súa maior eficacia e sustentabilidade.
Ao longo das tres sesións plenarias e en dez grupos de traballo falouse tamén da contribución das universidades á sensibilización da sociedade española e europea sobre a grave situación en África así como da necesidade de fortalecer o compromiso cos seus pobos a través da cooperación internacional.
A USC no encontroA Universidade de Santiago mantivo un lugar destacado no encontro, no que presentou catro relatorios sobre diferentes cuestións de interese. O vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, explicou o sistema de organización e alianza da USC co contorno africano, falou dos grupos de investigación e da Fundación CEER e do Grupo Compostela como instrumentos de alianza internacional.
Pola súa banda, o director da Cátedra de Medicina de Familia, José Antonio Torre Carballada, e o presidente da Fundación SEMG, José Manuel Solla Camino, explicaron o modelo de programa de medicina familiar que desenvolven en Nicaragua.
Os estudos de xénero na institución compostelá centraron a intervención da profesora do Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social, Lucía Iglesias da Cunha, mentres que o director da Oficina de Relacións Exteriores, Enrique López Veloso, explicou o Manual de Boas Prácticas e a xestión dunha oficina de Relacións Internacionais. Falou ademais do programa TEMPUS que a USC desenvolve con Marrocos.
Lourenzo Fernández actuou ademais como secretario do grupo de traballo sobre estrutura, goberno e políticas de calidade nas universidades que presidía o reitor da Universidade Amilcar Cabral (Guinea-Bissau), Edio Martins. Foi neste contexto no que o vicerreitor presentou os recursos de alianzas internacionais da USC e mais as iniciativas de cooperación universitaria no ámbito da investigación con algunhas universidades africanas como AFRIMAR, Grupo Galabra ou a Rede de Educaçao Medioambiental.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.11.2008.