A USC, primeira sede europea do Simposio Iberoamericano de Química Orgánica
Santiago de Compostela converterase na primeira sede europea do Simposio Iberocamericano de Química Orgánica (SIBEAQO-II) ao acoller dende este mércores 8, e ata o próximo domingo 12, a segunda edición deste encontro. Trátase dunha iniciativa que procura impulsar un novo ámbito científico para que os investigadores de Química Orgánica e áreas relacionadas de 22 países latinoamericanos poidan intercambiar ideas e experiencias que favorezan unha maior integración e colaboración entre científicos. O reitor Juan Casares presidirá a xornada inaugural do Simposio este mércores a partir das 16:00 horas na Aula Magna da Facultade de Química. Ao encontro asisten 150 especialistas procedentes de Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, Ecuador, España, Guatemala, Honduras, México, Nicaragua, Panamá, Paraguai, Perú, Portugal, Porto Rico, República Dominicana, San Salvador, Uruguai ou Venezuela. A organización do simposio pretende que a edición compostelá consolide os SIBEAQO’s como unha cita de referencia no ámbito da Química Orgánica para os investigadores europeos e americanos. Para perseverar neste obxectivo, o encontro celebrarase cada tres anos alternando como sede países de Europa e América.