A USC, primeira universidade de España en Ciencias Ambientais
O portal Research.com acaba de situar a USC como a primeira universidade de España no eido das ciencias ambientais. Esta clasificación baséase no estudo do índice h do persoal investigador a partir dos datos extraídos de Microsoft Academic Graph ata o 6 de decembro de 2021. En concreto, a listaxe que acaba de ver a luz é froito da análise de 166.880 perfiles investigadores. De acordo con esta clasificación, a USC ocupa o posto 110 a nivel mundial nesta área de coñecemento e conta con 13 investigadores e investigadoras destacados neste ámbito.
A suma total dos valores do índice h para os perfiles científicos da USC máis destacados no eido ambiental é de 515, cun valor medio para o índice h de 39,62. A suma total de publicacións dos mellores/as científicos/as da USC é de 1.439 cun valor medio de publicacións por científico de 110,69. A listaxe de persoal investigador da institución compostelá incluída neste ámbito está composta por Gumersindo Feijoo, Sara González-García, María Teresa Moreira, Marta Carballa, Francisco Omil, Anuska Mosquera-Corral, Almudena Hospido, Alejo Carballeira, Felipe Macías, J.A. Fernández, Jesús R. Aboal, Agustín Merino e Xosé Luis Otero, a maioría deles agrupados no Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS).
En concreto, Research.com acometeu o estudo de 9.198 perfiles pertencentes ao eido das ciencias medioambientais xunto con máis de 1.300 filiacións. A segunda institución española mellor valorada foi a Autónoma de Barcelona, tamén con 13 investigadores pero cunha suma de índice h de 499.