A USC prosegue neste curso co programa de cinema 'Os ollos verdes' en colaboración con NUMAX

O programa ‘Os Ollos Verdes. O Cinema Inédito de NUMAX’ deu comezou xa a un novo curso. Froito da colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a cooperativa cultural Numax, o ciclo convida a mergullarse en filmes de recoñecido percorrido internacional, presentes nos festivais máis prestixiosos, mais que raramente chegan ás salas comerciais. O estudantado da USC poderá obter 1 crédito ECTS (25 horas) pola asistencia a un mínimo de dez proxeccións.
As proxeccións de outubro serán o día 13 coa película recentemente presentada na Quincena dos Cineastas de Cannes ‘A savana e a montanha’ (Paulo Carneiro, 2024), que contará coa presenza do seu director para manter un coloquio co público, e o día 27 con ‘Faruk’ (Asli Özge, 2025), galardoada polo público na Sección Panorama da pasada Berlinale, que trata sobre a situación da vivenda poñendo o foco en especial na poboación máis vulnerable como pode ser a máis maior. Acompañará esta sesión a asociación Provivienda.
O programa mantén un prezo exclusivo para a comunidade universitaria da USC, extensible tamén a outras seccións da programación de Numax, como Repertorio, Focos ou Ciclos. Entre eles, destacan o dedicado a grandes nomes pero descoñecidas en moitos casos de Pioneiras do cinema, o ciclo Fulgores e fracturas para coñecer de primeira man a unha xeración de cineastas arxentinos irrepetibles, que souberon combinar a audacia formal das novas vagas dos anos 60 cun diálogo radical, a dobre sesión especial de Samaín na noite do 31 de outubro ou o próximo foco centrado no director, guionista e produtor estadounidense Paul Thomas Anderson.