A USC, punto de encontro de máis de douscentos expertos de Dereito Financeiro e Tributario de toda Europa
Máis de douscentos profesores de Dereito Financeiro e Tributario de vinte países europeos participan ata o sábado 6 no Congreso Anual da European Association of Tax Law Professors (EATLP) que se vai celebrar no Colexio de Fonseca. O encontro ten como tema central da súa axenda a análise de aspectos relativos á asistencia mutua e o intercambio de información entre os distintos Estados para a aplicación dos tributos.
As sesións do encontro comezan este mesmo xoves a partir das 16:00 horas co rexistro de participantes e a exhibición de posters. A primeira xornada completarase cunha recepción protocolaria no Parlamento de Galicia ás 20:00 horas. As sesións teóricas continuarán o venres 5 para concluír o sábado 6 coa celebración da Asemblea Xeral da EATLP.
A European Association of Tax Law Professors fundárona en Estocolmo no ano 1999 un grupo de 80 profesores pertencentes a todos os países da Unión Europea. Na actualidade, conforman o colectivo 270 docentes de 28 países da Unión Europea e doutros países como Brasil, Canadá, Israel, Xapón, China, Rusia, Serbia, Turquía ou Estados Unidos.
A asociación xurdiu co fin de salientar a importancia da tributación para o “desenvolvemento da Unión Europea, para a saúde dos Estados e para o benestar dos cidadáns”. Partindo deste idea, recollida na acta fundación e no preámbulo dos seus estatutos, a asociación busca contribuír á harmonización dos tributos dentro da UE, desenvolver aspectos comúns no estudo da tributación e promover programas académicos de ensino do dereito financeiro dende o punto de vista nacional e comparado nas universidades europeas.
O congreso organízano os profesores César García Novoa, Antonio López Díaz e Soraya Rodríguez Losada, da Área de Dereito Financeiro e Tributario, coa colaboración e patrocinio do Parlamento de Galicia, da Secretaría Xeral de Turismo, da Consellaría de Educación e do Consello de Contas de Galicia.