Ir o contido principal

A USC recibe cerca dun centenar de estudantes nos seus programas de lingua e cultura xacobea

Cursos Internacionais da USC recibirá este mes de outubro en Santiago 90 estudantes que participarán en tres programas diferentes sobre o Camiño de Santiago organizados en colaboración co Xacobeo. Este grupo súmase ao outro de 60 persoas de diferentes nacionalidades que comezan cursos de lingua e cultura española este outono. O Camiño de Santiago, o contexto lingüístico e cultural do mundo dos albergues e dos hospitaleiros e o achegamento á cultura galega e á ruta xacobea son os eixes temáticos que vertebran estes tres programas de diferente estrutura e duración: Curso do Camiño de Santiago, Curso de español para hospitaleiros e Aula cultural xacobea. Camiño de Santiago Por unha banda, este lun sen Ciencias Políticas inaugurouse a oitava edición do Curso do Camiño de Santiago que conta con 20 participantes, a meirande parte brasileiros, ademais de norteamericanos e un irlandés. Á apertura asistiron a xerenta de Cursos Internacionais, Lanzada Calatayud Álvarez, o coordinador do curso, o profesor José M. Andrade Cernadas, e a técnica do Xacobeo Rosa Vázquez, que destacaron o crecente interese existente por programas de temática xacobea así como pola “frutífera colaboración” de Cursos Internacionais coa Sociedade de Xestión do Xacobeo. Trátase dun grupo peculiar e de alto interese para Cursos Internacionais, dado que responde a un novo perfil de estudante, cunha idade media de 50 anos e de alto nivel sociocultural. Cómpre destacar a presenza de oito ‘curitigrinos’, membros da asociación de amigos do Camiño de Santiago de Curitiba (Paraná, Brasil) coa que a entidade compostelá mantén unha proveitosa colaboración. Aínda que para moitos este será o seu primeiro contacto con Compostela e o Camiño, hai tamén participantes cunha longa experiencia como peregrinos. Todos eles amosan unha alta motivación por seguir un curso que combina durante dúas semanas o perfeccionamento lingüístico con contidos culturais. A primeira parte transcorre na USC con clases de lingua castelá e seminarios multidisciplinares impartidos por docentes da Facultade de Xeografía e Historia. As clases compleméntanse polas tardes con actividades culturais e aulas prácticas, sempre de temática xacobea. Durante a segunda semana percorrerán acompañados por profesorado de Cursos Internacionais seis etapas do tramo galego do Camiño Francés, partindo do Cebreiro. Levarán, deste xeito, á práctica os coñecementos teóricos adquiridos previamente e participarán en aulas itinerantes como as visitas aos Mosteiros de Samos, Vilar de Donas e Sobrado dos Monxes. Español para hospitaleiros O Curso de español para hospitaleiros dá resposta a unha vella demanda das asociacións internacionais de peregrinos como é a de contar cun programa universitario que afonde no contexto lingüístico e cultural do Camiño e dos albergues. Cursos Internacionais organiza do 7 ao 12 de outubro un programa intensivo de 20 horas de clase de lingua e cultura aplicadas ao ámbito dos hospitaleiros, que se complementarán con actividades culturais polas tardes á cidade histórica e aos puntos de interese xacobeo de Compostela, como o Museo das Peregrinacións. Nesta primeira edición os 20 participantes do programa proceden da Confraternity de St. James e das Asociacións flamenca e holandesa de Amigos do Camiño de Santiago. Cunha idade media de 60 anos, o seu obxectivo é unha maior competencia no idioma castelá e un maior coñecemento da historia xacobea para o desenvolvemento do seu labor. Aula Cultural Por último, a Aula Cultural Galega e Xacobea organizada para a Duke University contará con 50 estudantes de Norteamérica que coñecerán unha panorámica actual da cultura galega nunha intensa xornada académico-cultural que combina o fenómeno xacobeo con visitas pola cidade a lugares vinculados co Camiño de Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.10.2012.