A USC recibe do Concello de Lugo unha finca para prácticas e investigacións

O alumnado de estudos vinculados ás ciencias agrarias e o profesorado ligado a grupos de investigación, departamentos ou institutos universitarios no ámbito das ciencias agrarias do Campus de Lugo poderán desenvolver a súa actividade científica nunha finca de máis de 13.000 metros cadrados e situada nas proximidades da Escola Politécnica Superior, grazas ao convenio de colaboración asinado este mércores polo reitor da USC, Senén Barro Ameneiro, e a alcaldesa en funcións do Concello lugués, Concepción Burgo.
As dúas entidades amosaron así a súa vontade de cooperar no desenvolvemento do campus lugués e, sobre todo, a unha das ensinanzas con maior arraigo que é a relacionada con estudos agrícolas e que na actualidade se concreta nas titulacións de Enxeñaría de Montes, Enxeñaría Agrónoma, Enxeñaría Técnica Agrícola Especialidade en Explotacións Agropecuarias, Especialidade en Hortofruticultura e Xardinería, Especialidade en Industrias Agrarias e Alimentarias, Especialidade en Mecanización e Construcións Rurais e Enxeñaría Técnica Forestal en Explotacións Forestais.
Que estes estudos se leven a cabo coa calidade esixida é un dos motivos polos que a parcela foi cedida gratuitamente polo Concello para que a USC dispoña dela polo menos durante 49 anos. Trátase de que estas titulacións se impartan coa calidade desexada e que profesorado e alumnado dispoñan de fincas de prácticas nas que poder desenvolver actividades docentes e investigadoras.
Esta colaboración é posible porque ambos os dous organismos son conscientes da necesidade de desenvolvemento de infraestruturas que dote ao campus dunha docencia e investigación de calidade e consideran que este acordo redundará nun plan de estudos máis acorde coa esixencia europea.