Ir o contido principal

A USC recibe subvencións do Inega para aumentar a eficiencia enerxética de catro edificios

Na Escola Técnica Superior de Enxeñaría levouse a cabo o sombreado exterior
Na Escola Técnica Superior de Enxeñaría levouse a cabo o sombreado exterior

O Instituto Enerxético de Galicia concedeulle á Universidade de Santiago unha subvención de 50.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética dos seus edificios. En concreto, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), da Residencia Universitaria Monte da Condesa e das Facultades de Ciencias Políticas e Dereito.
Destas catro actuacións levouse xa a cabo o cambio de cerramentos exteriores e ventanais da Facultade de Ciencias Políticas, cun custe de 10.500 euros, e o sombreado exterior da ETSE (29.500 euros). Quedan agora por acometer a instalación de alumeado intelixente nas plantas terceira, cuarta e quinta do Monte da Condesa (8.000 euros) e unha reforma similar no Claustro da Facultade de Dereito (2.000 euros).
A obra na Facultade de Ciencias Políticas supón un aforro anual duns 2.800 litros de gasóleo, mentres que as tres restantes dun aforro de electricidade duns 84 MWh anuais. Todo isto reducirá ademais unhas 42 toneladas de CO2 cada ano.
Todas estas actuacións realizáronse dende as Oficinas de Xestión de Infraestruturas e de Arquitectura e Urbanismo da Vicerreitoría de Infraestruturas da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2009.