Ir o contido principal

A USC recoñece a 50 integrantes do seu cadro de persoal os máis de trinta anos ao servizo da institución

A USC recoñece a 50 integrantes do seu cadro de persoal os máis de trinta anos ao servizo da institución
A USC recoñece a 50 integrantes do seu cadro de persoal os máis de trinta anos ao servizo da institución

A Universidade de Santiago entregoulle este xoves 10 a Insignia Fonseca a cincuenta traballadores e traballadoras da comunidade universitaria, dezasete do cadro de Persoal de Administración e Servizos e os restantes do Persoal Docente e Investigador, en recoñecemento aos seus máis de 30 anos ao servizo da institución. O acto presidiuno o reitor Juan Casares Long no Salón Nobre de Fonseca e contou coa intervención de Consuelo Brea López en representación do PAS e de Teresa Fanego Lema por parte do profesorado. Consuelo Brea subliñou a honra que supón ter sido testemuñas da importante transformación experimentada pola institución universitaria ao longo destas tres décadas. Enumerar os importantes cambios lexislativos que afectaron á Universidade neste tempo, aínda que destacou a revolución tecnolóxica experimentada como a mutación de maior alcance para o cadro do persoal universitario. Tomando o relevo na quenda de palabra, a profesora de Filoloxía Inglesa Teresa Fanego demandou dos responsables administrativos e universitarios o pulo necesario para que as institucións do ensino superior poidan aspirar á excelencia e á calidade. Para alcanzar este obxectivo, sinalou a necesidade de corrixir as consecuencias derivadas da adaptación dos títulos ao Espazo Europeo de Educación Superior e mellorar a política de selección do profesorado. Clausurando a sesión, o reitor Juan Casares remarcou o carácter académico deste acto que pon en valor o recoñecemento ao traballo ben desenvolvido. Casares, que tamén subliñou o alcance da Universidade como institución de coexión social, agradeceu a dedicación daqueles aos que hoxe se lle recoñecen estes trinta anos de dedicación, xa que o “esforzo colectivo permite que a institución se adapte aos cambios e á transformación da sociedade”. Insignia Fonseca Do colectivo do Persoal de Administración e Servizos recibiron a Insignia Manuela Bao, María Isabel Ben, Consuelo Brea, Juan Manuel Casal, José Manuel Castro, Manuel José Cristobo, Carmen de la Peña, María Josefa Devasa, Mª Isabel Durán, Mª Dolores Ferrer, José Manuel García, Raquel Martínez, Mª Concepción Novo, Elvira Rodríguez, Álvaro Sanjurjo, José Manuel Varela Vence e Isabel Marga Vieites. Os integrantes do Persoal Docente e Investigador que recibiron a Insignia foron Ramón Anadón, Gervasio Antorrena, Justino Bastida, María Isabel Blanco, Alfredo Campos, Luis Caramés, Fernando Costal, María Teresa Fanego, Mª del Carmen Folgar, Mª Ángeles Gato, José Manuel González Herrán, Francisco Guitián, María Araceli Herrero, Santiago Jiménez, Gerard Prosper, Felipe Macías, Aurora Marco, Antonio Martínez Puñal, Xosé Mª Masa, Manuel Míguez, Víctor Mosquera, Antonio Mouriño, Mª Dolores Olivares, Mª del Carmen Pallares, Mª de la Cruz Pascual, Agustín Ramos, Ricardo Jesús Riguera, Julio Ramón Rodríguez, Blanca Ana Roig, Carlos Rosales, Agustín Sánchez, Clotilde Sineiro e Jaime Toribio. Na mesa presidencial estiveron tamén presentes os vicerreitores de Titulacións e Persoal Docente e Investigador, Jesús López Romalde; o de Investigación e Innovación, Francisco González; o de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; e a vicerreitora de Economía e Infraestruturas, Sara Cantorna.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2013.