Ir o contido principal

A USC recoñece coa Insignia de Ouro a José Antonio Villasante

A USC recoñece coa Insignia de Ouro a José Antonio Villasante
A USC recoñece coa Insignia de Ouro a José Antonio Villasante

O reitor Juan Viaño impúxolle a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago ao vicepresidente de Universia, José Antonio Villasante, nunha cerimonia celebrada en San Xerome en agradecemento á relación que o homenaxeado mantivo coa USC durante as case dúas décadas que estivo á fronte de Santander Universidades.

Segundo manifestou no acto Viaño, o seu compromiso coa USC foi “moito máis aló” da estrita relación institucional e comercial co Banco Santander, “apoiando un gran número de iniciativas que deron pulo á universidade compostelá en ámbitos tan importantes como a mobilidade estudantil, a internacionalización, a I+D e o emprendemento”. Así, durante as últimas dúas décadas José Antonio Villasante foi o impulsor dos convenios plurianuais de colaboración do Santander coa USC. O aínda vixente, asinado en 2015, supón unha achega á institución de máis de 7 millóns de euros para catro anos dirixidos a apoiar a captación de talento, iniciativas de emprendemento, innovación docente, administración electrónica, promoción internacional e responsabilidade social universitaria, entre outros temas.

Na cerimonia interveu ademais o ex reitor da USC e director xeral de RedEmprendia, Senén Barro, que lembrou que Villasante “colaborou activamente en converter á USC nunha universidade de referencia no ámbito do emprendemento a nivel internacional”. Subliñou iniciativas relevantes como Uninvest, a primeira sociedade de xestión de entidades de capital risco de orixe universitaria no Estado español; o edificio Emprendia, sede da actividade de transferencia e apoio ao emprendemento da USC; ou RedEmprendia, a rede universitaria iberoamericana que se converteu co tempo na máis importante a nivel mundial no seu ámbito. Neste punto é de destacar o evento Spin 2016, coa USC como anfitrioa, e que fixo de Santiago a capital iberoamericana do emprendemento universitario.

Tamén advertiron o papel “clave” do Santander e de José Antonio Villasante na consecución do recoñecemento de Campus Vida como campus de excelencia internacional, ao ser a entidade de referencia privada na proposta, e o convenio de 2002, con motivo do desastre do Prestige, co obxecto de mitigar o impacto ecolóxico e socio-económico da vertedura de cru.

Pola súa banda, Villasante recibiu este recoñecemento “co orgullo de saber que desta maneira me incorporo á historia desta querida institución cinco veces centenaria e da que gardo numerosísimos recordos” que remontou a 1998 co reitor Darío Villanueva, actual presidente da RAE que tamén hoxe estaba presente no acto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.02.2018.