Ir o contido principal

A USC, referente na análise da medicina de precisión

O traballo agora publicado preséntase como unha guía actualizada para interpretar a evolución da medicina de precisión por vía oral. Imaxe de arquivo
O traballo agora publicado preséntase como unha guía actualizada para interpretar a evolución da medicina de precisión por vía oral. Imaxe de arquivo
Un equipo do CiMUS aborda nun artigo a evolución das tecnoloxías de liberación controlada en fármacos biolóxicos administrados por vía oral
Santiago de Compostela

Investigadores do grupo da profesora da USC María José Alonso no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), e o Riddet Institute de Nova Zelandia, veñen de publicar un artigo no que describen o panorama actual dos tratamentos administrados por vía oral, mostrando as tecnoloxías máis prometedoras no eido da medicina de precisión. Este tipo de medicina céntrase no deseño de estratexias terapéuticas individualizadas baseadas nas peculiaridades de cada individuo, e máis concretamente, nas características xenéticas e biolóxicas que o diferencian do resto da poboación.

Trátase dun novo paradigma terapéutico que procura acadar o mellor efecto posible, minimizando así mesmo os posibles efectos adversos. A medicina personalizada contempla, por exemplo, o desenvolvemento da medicación máis adecuada contra a diabetes, tomando en consideración a analítica de cada paciente.

O traballo agora publicado preséntase como unha guía actualizada para interpretar a evolución da medicina de precisión por vía oral, destacar as tecnoloxías que marcaron os fitos máis significativos ata a data, e servir de apoio á comunidade científica para impulsar o desenvolvemento do campo nos próximos anos.

Un alicerce fundamental desta nova medicina personalizada ou de precisión constitúeno os fármacos biolóxicos: moléculas de gran tamaño como proteínas, anticorpos ou secuencias de ácidos nucleicos. Estas macromoléculas de estrutura complexa son quen de interaccionar de xeito moi específico coas dianas terapéuticas, evitando así efectos indesexábeis en células e tecidos sans.

“Puxemos de relevo os progresos máis importantes alcanzados en ensaios clínicos, así como as tecnoloxías disruptivas que abrirán o camiño ás terapias personalizadas”, afirma a investigadora posdoutoral Matilde Durán-Lobato. Para a primeira autora do artigo, é importante salientar que “neste traballo identificáronse os desafíos que teremos que afrontar para o seu desenvolvemento clínico e comercialización, ademais de achegar pautas para superalos”, sinala.

Vantaxes e inconvenientes dunha estrutura intricada

Desafortunadamente a complexidade na estrutura destes fármacos biolóxicos é unha arma de dobre fío, xa que tamén impide que se absorban por si mesmos, e fainos máis susceptibles á degradación que os fármacos convencionais. Esta é a razón principal pola que, xeralmente, son tratamentos que só poden ser administrados por vía parenteral.

As tecnoloxías de liberación de fármacos permiten vehiculizar estas moléculas biolóxicas, ofrecéndolles un transporte seguro que as protexe fronte á degradación e modula a súa interacción coas barreiras do organismo (como a mucosa intestinal), facilitando así a súa viaxe ata as dianas onde deben exercer a súa acción terapéutica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.12.2019.