Ir o contido principal

A USC reflexiona sobre as comunidades en transición

A USC reflexiona sobre as comunidades en transición
A USC reflexiona sobre as comunidades en transición

Aproveitar sinerxías en aras de acadar un mundo máis sustentable. Esa sería a esencia das ‘ comunidades en transición’, un novo concepto cada vez máis en boga ao que a Universidade de Santiago se sumou hai un tempo. Trátase de compartir un espazo físico e un obxectivo académico común e fixar metas no contexto da sustentabilidade. Deste xeito, o Programa USC en Transición ten como obxectivo xeral a dinamización da súa comunidade universitaria para pór en marcha procesos de transición a pequena escala que, no seu conxunto, ademais de dar a coñecer outros modelos de vida máis sustentables, contribúan a reducir a pegada e a débeda ecolóxica da universidade. En concreto, farase especial fincapé na redución do consumo enerxético da USC. Para explicar este programa e outras experiencias afíns a USC inaugurou este mércores en Santiago as xornadas formativas ‘Comunidades en transición: repensando a universidade’. Na apertura participaron a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; o director do grupo de investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC, José Antonio Caride; e a coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, María Teresa Barral. O encontro, que se desenvolve simultaneamente no Campus de Lugo, conta coa presenza do coordinador da área de Educación Ambiental e Cambio Climático do Centro Nacional de Educación Ambiental, Francisco Heras, que explicará as iniciativas estatais que compaxinan sustentabilidade e participación comunitaria. Ademais, Heras dirixirá unha dinámica participativa para a definición dos aspectos máis importantes das actuacións comunitarias, en xeral, e da transición, en particular. No resto das xornadas presentaranse experiencias ligadas á transición no ámbito español (o barrio de Sant Martí la Verneda en Transició, en Barcelona) pero tamén no local (hortos comunitarios, bancos de tempo…). Ademais, membros do persoal investigador da USC amosarán aos participantes como vincular os seus traballos investigadores con procesos que procuran acadar unha transición na universidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.02.2012.