Ir o contido principal

A USC reforza a oferta académica da Facultade de Ciencias de Lugo co título de Máster en Enxeñaría de Procesado de Alimentos

Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC
Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC
O posgrao, que comezará no curso 2019-20, é presencial e ten unha estrutura de 90 créditos ECTS. O título atende as recomendacións do Clusaga e inclúe estadías en empresas

A Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC impartirá o próximo curso 2019-20 un Máster en Enxeñaría de Procesado de Alimentos (Mepa), un novo título de posgrao desenvolvido en colaboración co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), a fin de adaptar o deseño do programa formativo coas necesidades profesionais e recomendacións das empresas do sector, para o que a USC ofertará un máximo de 25 prazas de matrícula.

O máster en Enxeñaría de Procesado de Alimentos que vén de ser verificado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) constitúé un novo título oficial da USC aliñado coas liñas do Plano de Orientación de Especialización Docente(Pdoed) do Campus de Lugo, a través do que se presenta unha oferta de continuación de estudos acaída para aqueles titulados/as que teñan interese en obter unha formación de carácter especializado en todos os aspectos relacionados coa enxeñería de procesado de alimentos (Food Processing Engineering), desde a súa condición inicial como materia prima susceptible de transformar e/ou acondicionar, ata o seu destino final como produto de consumo.

O novo título de máster que botará a andar o próximo curso no campus de Lugo da USC baixo a coordinación do profesor Carlos Herrero Latorre, antóllase tamén como unha vía para a captación e retención de talento, ao tempo que ofrece aos futuros egresados/as do Mepa unha nova fiestra para iniciarse en tarefas de investigación, a fin de completar a súa formación académica e investigadora.

O Máster en Enxeñaría de Procesado de Alimentos antóllase pois como unha formación de posgrao de carácter transversal e de potencial interese para, entre outros, moitas dos graduados e graduadas universitarias que completen esta primeira formación na sede universitaria luguesa. Daquela, o Mepa admite entre o seu futuro alumnado a titulados en graos, licenciaturas ou Enxeñerías cuxa formación académica se corresponda cos títulos de Enxeñería de Procesos Químicos Industriais, Enxeñería Química, Enxeñería Agrícola, Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñería Agrícola e do Medio Rural, Enxeñería Forestal e do Medio Natural, Enxeñería Civil, Enxeñería Mecánica, Enxeñería Eléctrica, Enxeñería Electrónica, Enxeñería en Deseño Industrial, Enxeñería en Tecnoloxías Industriais, Enxeñería Téxtil, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Física, Farmacia, Veterinaria, Bioquímica, Química, Bioloxía e Biotecnoloxía.

O decano da Facultade da Ciencias da USC, Francisco Fraga, salientou asemade que este novo título de máster da USC contará entre o seu cadro docente con profesorado a Facultade de Ciencias, pero tamén con docentes da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC.

Respecto da organización académica deste título de máster, Fraga comentou que o plano de estudos do Mepa está estruturado en 90 créditos ECTS, que abranguen toda a formación teórica e práctica, e as competencias que o estudante debe adquirir e que, á súa vez están distribuídos ao longo de tres semestres. Daquela, o máster está organizado en dous cursos, un primeiro, de carácter teórico e cunha duración de 60 créditos ECTS, e un segundo curso no que o alumnado deberá desenvolver un Traballo de Fin de Máster, ademais de completar estadías en empresas por un período de 450 horas. O número de empresas nas que o alumnado deste máster universitario poderá completar a súa formación práctica é moi amplo e diverso, xa que terá a opción de escoller como destino calquera das firmas adheridas ao Clusaga, así como calquera outra empresa que mantén colaboración coa Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC, dixo Fraga.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.05.2019.