A USC reforza a súa oferta de postos de estudo en época de exames con 440 novas prazas en Dereito
O alumnado da USC contará con 440 novos postos de estudo na Facultade de Dereito durante as próximas fins de semana e festivos. A medida pretende reforzar a oferta de prazas que a USC pon a disposición do alumnado durante o período de exames e, particularmente, atender a demanda nos momentos de maior ocupación na Biblioteca Concepción Arenal durante o período de apertura en horarios extraordinarios.
Actualmente, a Biblioteca Universitaria ten a disposición da comunidade universitaria 6.522 postos de lectura en horario normal. Ademais, en horario extraordinario, deste total ofértanse 2.599 postos que se distribúen entre a Biblioteca Concepción Arenal (950 postos), Biblioteca Intercentros (1.119), biblioteca da Facultade de Ciencias Económicas (316) e Biblioteca Xeral (214), aos que agora se sumará os 440 novos postos en Dereito.
Horarios extraordinarios
A Biblioteca Universitaria mantén aberto dende o pasado mes de abril e ata o próximo 19 de xullo, coincidindo coa época de exames, o período de apertura en horario extraordinario. Así, as salas de estudo de distintas bibliotecas dos campus de Santiago e Lugo amplian os seus períodos de apertura sumándose ás dos propios centros que manteñen o seu horario habitual.
Na actualidade e ata o próximo 14 de xuño, a Biblioteca Concepción Arenal en Campus Vida permanece aberta 24 horas ao día e a Intercentros de Lugo manterá os horarios ampliados de 8.30 a 3.00 durante a semana (a partir das 9.00 horas dende o 1 de xuño) e de 10.00 a 3.00 en fins de semana e festivos. De xeito complementario, entre o 1 de maio e o 9 de xuño, ás anteriores sumaranse a modo de reforzo durante as fins de semana e en festivos a biblioteca da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, a Biblioteca Xeral e a Sala de Lectura da Facultade de Dereito que abrirán de 10.00 a 22.00 horas. A estas, agora súmanse tamén os novos 440 postos na Facultade Dereito.
Do 14 de xuño ao 19 de xullo
Neste último período, tanto a Concepción Arenal como a Intercentros abrirán de luns a venres de 9.00 a 3.00 horas e en fin de semana e festivos de 10.00 a 3.00 horas. Na web da Biblioteca Universitaria da USC poderás atopar máis información sobre os distintos horarios de cada centro.