A USC reivindica o seu compromiso “firme e activo” na loita contra todo tipo de violencia sobre as mulleres

A USC reivindica o cometido das universidades como “axentes activos na loita contra todo tipo de violencia sobre as mulleres”, tal e como recolle o Manifesto da Rede de Unidades de Iguadade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (Ruigeu), un documento ao que deu lectura este xoves a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel Armesto, no marco do acto institucional conmemorativo do Día Internacional pola Eliminación das Violencias contra as Mulleres, unha efeméride que se celebra o 25 de novembro.
O manifesto de rexeitamento do uso de violencia contra a muller, un texto acordado por medio centenar de universidades españolas, salienta asemade que un dos obxectivos prioritarios das institucións académicas é o de colaborar cos poderes públicos e coa sociedade no se conxunto na erradicación de accións e comportamentos asentados sobre as desigualdades entre homes e mulleres construídas culturalmente mediante prácticas discriminatorias asimiladas como naturais.
“As universidades temos como núcleo irrenunciable de actuación o principio de igualdade, polo que é ineludible a transversalización da perspectiva de xénero en todas as áreas de coñecemento”, reza o citado documento, no que as universidades lembran o seu “compromiso activo e firme coa loita contra a violencia de xénero”, ao tempo que demandan ás administración autonómicas o apoio institucional e financiero necesario para acometer as políticas de xénero precisas.
Acto institucional
O acto institucional co que a USC conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres congregou este xoves na Casa do Saber de Lugo unha representación das diversas administracións. A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; a subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez; a deputada provincial delegada da área de Benestar Social, Sonsoles López Izquierdo, e xefa de sección na Unidade Administrativa de Igualdade da Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, Coro Piñeiro Vázquez, acompañaron á vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo nesta simbólica, pero emotiva sesión, no marco da que tamén se entregaron os premios do V Concurso de Lemas contra a Violencia de Xénero convocado pola USC.
A coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo Lorenzo, foi a encargada de ler a acta do veredicto do xurado, que acordou distinguir cinco das máis de 130 propostas rexistradas. Os lemas presentados desde o campus Lugo que resultaron premiados neste certame con diploma acreditativo e 100 euros en metálico son ‘Cando volvo á casa prefiro ir soa que mal acompañada’, de Antía Vázquez Rodríguez, e ‘Ninguén o fai sen querer, quérete e pide axuda’, de Tamara González Luaces.
As propostas rexistradas nos campus de Compostela, ‘Contra as bágoas do patriarcado: Feminismo(s) e sororidade como devir revolucionario!’, de Raquel Castro García; ‘EU podo detectar, TI podes denunciar, a ELA pódena protexer, NÓS podemos apoiar, VÓS podedes defender, ELES irán ao cárcere #CambiemosOCiclo’, de Sara Fandiño Piñeiro, e ‘Por unha sociedade igualitaria sen violencia machista: educación feminista’, de María Penerbosa Ferreiro, tamén resultaron galardoados na quinta edición do Concurso de Lemas contra a Violencia de Xénero da USC.
A USC congregou no acto institucional conmemorativo do Día Internacional pola Eliminación das Violencias contra as Mulleres unha ampla representación institucional. Asemade, tamén acudiron a este acto as vogais do Consello Social da USC Blanca de Cora e Paula Alvarellos, tamén participaron nesta sesión, á que tamén acudiu un nutrido grupo de estudantes, docentes, investigadores e persoal de administración e servizos da USC.
Performance ‘A violación’
A representación dunha performance baseada no monólogo ‘A violación’, da dramaturga italiana Franca Rame, a cargo de participantes no taller de arte dramática impartido pola responsable da Aula de Teatro da USC no campus de Lugo, Paloma Lugilde, serviu de colofón do acto. O elenco de actores e actrices noveis que tomaron parte nesta intervención está integrado por Antonella Sturla, Ramón Fernández, María Varela, Paula Díaz, Miguel Torres e Cecilia Martínez.
Autoridades e premiadas no V Concurso de Lemas contra a Violencia de Xénero da UC Asistentes ao acto conmemorativo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres celebrado na Casa do Saber
