Ir o contido principal

A USC reivindica nun foro da Rede TIL de Lugo o emprego e a dignidade laboral como piares básicos da xustiza social

Méndez, Valcárcel e López, na apertura da xornada 'Xustiza social e emprego', na Casa do Saber
Méndez, Valcárcel e López, na apertura da xornada 'Xustiza social e emprego', na Casa do Saber
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, salienta o cometido que deben desenvolver as universidades públicas contra as inxustizas sociais

A Rede de Técnicos/as de Inserción Laboral (TIL) de Lugo, constituída como un foro de encontro, discusión e traballo entre entidades do terceiro sector baixo o liderado da Área de Inserción e Orientación Laboral da USC, sitúa o emprego e a dignidade laboral como paires básicos da xustiza social, segundo se puxo de manifesto na apertura da xornada ‘Xustiza social e emprego’, un evento organizado este mércores na Casa do Saber de Lugo co gallo da celebración do Día Mundial da Xustiza Social e no que participaron máis dun centenar de persoas.

A reflexión sobre a pertinencia da incorporación de boas prácticas á vida diaria ademais e a posterior e progresiva implementación destas pautas de comportamento ao mercado laboral capitalizan dous dos obxectivos prioritarios desta xornada de análise e debate sobre a xustiza social e a dignidade das persoas. A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, salientou asemade na inauguración deste programa de fonda pegada social a responsabilidade e o importante cometido do ensino público e, nomeadamente, das universidades, na loita contra as inxustizas sociais e a prol de maiores cotas de benestar para as persoas, con independencia das súas singularidades.

A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, e a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo, afondaron tamén na idea de que as persoas e o seu benestar teñen que ser o epicentro da acción política das institucións públicas, tanto no que afecta ás posibilidades para incorporarse ao mercado laboral como á dispoñibilidade de iniciativas e servizos que contribúan ao seu benestar.

Unha vez rematada a sesión de apertura, a técnico da área de Orientación e Inserción Laboral da USC no campus de Lugo, Gloria Cruz Amil, deu paso ao programa de relatorios coa presentación do presidente de Igaxes e profesor da Escola Universitaria de Traballo Social da USC, Luis Barreiro, quen abriu a quenda de intervencións da xornada coa charla ‘Inserción laboral e xustiza social: Outro mundo (do traballo) é posible’.

O deportista de elite Víctor Tasende dará continuidade ao programa de relatorios coa charla ‘ Atrévete a dar o paso’. Logo destas intervencións, a xornada chegará ao seu remate cunha táboa redonda sobre boas prácticas e xustiza social na que intervirán como relatores a traballadora Rebeca Montoya, que relatará a súa experiencia de inserción laboral; a directora de Decathlon Lugo, Eva Lamas, e dous responsable desta entidade como o son Andrea Martínez e Martiño Sanz.

O xefe de grupo de Urbaser Lugo, Miguel Ángel García Liñares; a coordinadora de Recursos Humanos de Supervisión y Control –Applus+, Susana Junquera, e Amalia Campo, responsable do proxecto ‘Son Capaces’, completan a nómina de relatores convidados a participar nun coloquio que estará moderado por Sandra Pujades , técnica da Rede TIL.

Cruz Amil e Barreiro, no relatorio de apertura do foro organizado pola Rede TIL de Lugo

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.02.2019.