Ir o contido principal

A USC rematou a adaptación dos seus graos oficiais ao Espazo Europeo de Educación Superior

Coa aprobación de oito novos graos oficiais, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago deu por finalizada a fase de adaptación das distintas titulacións da institución á nova estrutura académica do Espazo Europeo de Educación Superior.
Os graos que recibiron o visto bo do Consello son os de Dereito, Veterinaria e Comercialización e Loxística, e das Enxeñarías en Xeomática e Topografía, Civil, das Industrias Agroalimentarias, Agrícola e do Medio Rural e Forestal e do Medio Natural.
Estes oito deberán sumarse aos graos en Matemáticas, Ciencia Política e da Administración (estes dous xa implantados no curso 2008-2009), Farmacia, Nutrición Humana e Dietética, Traballo Social, Medicina, Odontoloxía, Óptica e Optometría, Enxeñaría Química, Enxeñaría Industrial de Procesos, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, Bioloxía, Comunicación Audiovisual, Xornalismo, Educación Social, Pedagoxía, Administración e Dirección de Empresas, Economía, Filoloxía Clásica, Lingua e Literatura Españolas, Lingua e Literatura Galegas, Lingua e Literatura Inglesas, Linguas e Literaturas Modernas, Filosofía, Física, Psicoloxía, Química, Historia, Xeografía e Ordenación do Territorio, Enxeñaría Informática, Enfermaría, Relacións Laborais e Recursos Humanos, e Mestre de Educación Infantil e Primaria.
A destacar que en xuño de 2010 a USC terá xa graduados en Enxeñaría Informática, Económicas e Ciencias Políticas, dado que estas titulacións non optaron por unha implantación progresiva ano a ano dos graos senón global ou por bloques.
En suma, unha oferta con cambios significativos, máis atractiva e de maior calidade, que se viu confirmada pola demanda de prazas. De feito, ningunha das titulacións de grao da USC tivo este curso unha demanda inferior á esixida polos criterios de viabilidade fixados pola administración autonómica. Cumprida esta primeira fase, a USC deberá agora concentrarse na extinción dos planes vellos e, sobre todo, nos sistemas de garantía de calidade dos seus estudos.
O vicerreitor de Oferta Docente e EEES, Máximo Pló, agradeceu o traballo intenso e rigoroso das facultades e escolas a través das súas comisións de redacción e de todos cantos traballaron sen descanso, “sobre todo a Comisión de Titulacións –con reunións semanais nestes últimos dous anos e medio-, o Servizo de Xestión da Oferta e os membros do propio Consello”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.12.2009.