Ir o contido principal

A USC renova o apoio anual da Deputación da Coruña para o desenvolvemento de actividades culturais, artísticas e científicas

O reitor Juan Viaño e a deputación provincial Goretti Sanmartín, logo da sinatura protocolaria do acordo. Foto: Servimav-USC
O reitor Juan Viaño e a deputación provincial Goretti Sanmartín, logo da sinatura protocolaria do acordo. Foto: Servimav-USC

O reitor Juan Viaño e a deputada de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación Provincial da Coruña, Goretti Sanmartín, asinaron un convenio polo que o organismo provincial financiará diversas actividades de fomento da educación, a investigación, a transferencia do coñecemento así como actividades culturais, artísticas e científicas durante 2017. En total a Deputación achegará130.000 euros.

As liñas de actuación incluídas dentro deste convenio recollen unha serie de actividades, entre as que se atopan o apoio aos programas de detección e captación de talento; á programación cultural e deportiva; á celebración de congresos, seminarios e cursos; e ao programa Camiños de Coñecemento. No primeiro apartado, a Deputación renova a súa vinculación co proxecto Estalmat, de detección de aptitudes matemáticas avanzadas entre o alumnado de secundaria, ao tempo que apoia o desenvolvemento do programa de captación e fidelización de talentos na USC. Concretamente, contribuirá ás distintas olimpíadas e concursos académicos no ámbito da bioloxía, a edafoloxía, a física, as matemáticas e a química, así como ao acto de recoñecemento aos mellores expedientes de bacharelato e ás charlas temáticas nas que se pretende espertar vocacións e aclarar dúbidas ao alumnado de secundaria.

O apoio á programación cultural inclúe actividades teatrais como a xira da compañía universitaria e a estrea da súa obra anual, así como o Festival Internacional de Teatro Universitario e a Mostra de Teatro Universitario de Galicia. No ámbito musical, achega financiamento aos encontros orquestrais de verán e Nadal da orquestra do Espazo de Cámara e dá respaldo aos Encontros de Danza Contemporánea, ademais de sumarse á exposición ‘Un ano de Voz 2017’, entre outras iniciativas.

Completaran o abano de actividades que reciben apoio da Deputación a programación deportiva da USC, así como congresos, seminarios e cursos celebrados ao longo do curso e o programa Camiños de Coñecemento, do Cuarto Ciclo, dirixido a persoas maiores das comarcas de Ribeira, Noia, Santiago, A Barcala, Ordes, Arzúa e Tabeirós.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2017.