Ir o contido principal

A USC reúne en Formación de Profesorado a representantes de oito entidades sociais no marco das VI Xornadas de Voluntariado

Cartaz das VI Xornadas de Voluntariado
Cartaz das VI Xornadas de Voluntariado
O programa desta actividade orientada a impulsar a implicación no voluntariado entre o alumnado do campus desenvolverase os días 1 e 2 de abril en quenda de tarde

Oito entidades sociais participarán os días 1 e 2 de abril na Facultade de Formación do Profesorado no marco da sexta edición das Xornadas de Voluntariado, un foro promovido polo Servizo de Participación e Integración Universitaria(Sepiu) da USC coa pretensión de servir de acicate para impulsar a participación voluntaria entre o alumnado do campus de Lugo.

O programa das VI Xornadas de Voluntariado desenvolverase ao longo de dúas xornadas en quenda de tarde, de 16.00 a 17.30 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, un escenario no que intervirán como relatores representantes de oito entidades sociais con solvencia e experiencia en diversos campos de actuación no plano local e nacional. Nesta edición das xornadas participarán a Asociación Española contra o Cancro (AECC), a Asociación Bonhomía, Aspnais e Cogami Lugo, Asociación Down Lugo, Asociación Raiolas Lugo, Fundación JuanSoñador e a Fundación Secretariado Gitano.

A técnico responsable do Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu) da USC no campus de Lugo tamén informará no marco deste foro dos programas de voluntariado ofertados á comunidade universitaria, ao tempo que explicará ao público presente do traballo de coordinación que desenvolve o Sepiu, o servizo da USC que supervisa todo o proceso ata que remata a acción voluntaria.

Moitos dos programas de voluntariado nos que colabora o Sepiu da USC contan con actividades vinculadas coa educación, a saúde, a inclusión social, o lecer e o tempo libre. Algunhas das accións promovidas no ámbito do voluntariado están dirixidas á infancia, a persoas maiores, e mesmo para sensibilizar sobre o abandono animal, etcétera…

A inscrición nos distintos programas de voluntariados nos que participa a USC está aberta durante todo o curso académico. Existe a posibilidade de apuntarse no primeiro ou o segundo semestre e tamén nalgunhas actividades que se desenvolven durante algunha das semanas do verán, tal e o caso do campus de Verán XuvenCiencia, un programa de voluntariado que mantén aberto o prazo de inscrición ata o luns 1 de abril.

As persoas interesadas en ampliar información respecto dos programas de voluntariado da USC pode remitir a súa correspondente solicitude a través do enderezo de correo electrónico sepiu.lugo [at] usc.es (sepiu[dot]lugo[at]usc[dot]es) ou tamén a través do número de teléfono 982 823 594.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.03.2019.