A USC reúne en Lugo aos mellores estudantes de ensino medio de Galicia nas probas de acceso á universidade
O Auditorio Gustavo Freire de Lugo acolleu o pasado venres o acto de recoñecemento da USC aos estudantes de Bacharelato que acadaron unha puntuación definitiva de nove ou superior na parte xeral das Probas de Acceso á Universidade na convocatoria de xuño de 2011. Son en total 338 estudantes (129 rapaces e 209 rapazas) pertencentes a 144 centros de Ensino Medio, que asistirán a Lugo acompañados dos seus familiares e de representantes dos centros onde cursaron o Bacharelato. En concreto, 140 estudantes son da provincia da Coruña, 104 de Pontevedra, 49 de Lugo e 45 de Ourense. O acto, presidido polo reitor da USC, Juan Casares, contou coa asistencia do alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco e contou coas intervencións do alumno Alejandro Vilar López, do IES Lucus Augusti de Lugo, e o director do IES Francisco Daviña Rey, Vicente Docasar Docasar, en nome dos seus compañeiros. Ademais, fixose entrega dos premios do concurso de relatos curtos Como te imaxinas na USC?. Este ano obtivo o primeiro premio a alumna Sabela Roibás Méndez, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, e o accésit o alumno Daniel Luis Naranjo do IES Cosme López Rodríguez da Rúa (Ourense). De entre os moitos presentados a través dos institutos e centros privados de ensino medio de toda Galicia o xurado valorou especialmente o traballo ‘Quen hai no espello?’ da alumna de Santiago, a quen lle correspondeu un ordenador portátil e outro para o centro onde cursa os estudos. De igual maneira fíxose unha mención ao relato ‘Páxinas dun diario en branco’ de Daniel Luis Naranjo, que recibirá un teléfono móbil e outro para o instituto.