Ir o contido principal

A USC e a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores continúan a colaboración coa Universidade de La Habana para o seu doutoramento en Economía

A USC, a través do seu Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), e a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores continuarán colaborando coa Universidade da Habana na execución do programa de doutoramento en economía que permitirá culminar un ciclo de formación posgraduada iniciado en 2005 que capacita e forma a especialistas e eleva deste xeito a proporción de doutores no claustro da Facultade cubana.
Para dar continuidade a esta cooperación, o reitor da USC, Senén Barro, e o secretario xeral de Relacións Exteriores, Julio César Fernández, asinaron esta mañá no Colexio de San Xerome o convenio que a regula.
Ambas as dúas partes consideran que o Idega é o marco idóneo para dar continuidade a esta iniciativa xa que conta con medios materiais e humanos e coa experiencia necesaria no ámbito da investigación e da docencia tanto no primeiro e segundo ciclo como na formación de posgraduados e na dirección de teses de doutoramento.
Actividades a desenvolverFortalecer a infraestrutura profesional e técnica do Programa de Doutoramento en Economía da Universidade da Habana para contribuír á capacitación e recalificación de especialistas docentes e investigadores na área de economía é un dos propósitos desta colaboración. Para iso, contémplase unha etapa de formación teórica-metodolóxica con docencia presencial na Universidade da Habana o desenvolvemento do web e dunha Aula Virtual e a dotación do material bibliográfico necesario.
Por outra banda, para elevar a proporción de doutores do claustro da Facultade de Economía da Habana prevese desenvolver a segunda etapa do programa de doutoramento, incorporar seis estudantes de La Habana a programas da USC e posibilitarlle a outros tantos unha estadía de investigación de dous meses na USC no 2009 e 2010.
O convenio asinado hoxe pretende tamén ampliar as relacións de intercambio e cooperación a través da actividade científica mediante o desenvolvemento de liñas de investigación relevantes para a economía cubana, coa contribución e experiencia da USC, así como relacionadas cos países en desenvolvemento que poidan ser de interese para o Programa oficial de Posgrao Desenvolvemento Rexional e Integración Económica.
Este fortalecemento da cooperación conseguirase contribuíndo dende Galicia á formación e actualización do claustro de profesores dos programas de mestría e doutoramento da Universidade de la Habana e identificando oportunidades de colaboración científica, tanto no ámbito de programas académicos como na área de investigación entre as universidades galegas e cubanas, sobre a base das experiencias de programas precedentes e un mellor coñecemento das realidades dos países.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.09.2008.