Ir o contido principal

A USC, sede da I Olimpíada Científica Xuvenil Española

Facultade de Matemáticas da USC. Imaxe de arquivo. Foto: Santi Alvite
Facultade de Matemáticas da USC. Imaxe de arquivo. Foto: Santi Alvite
Os equipos gañadores da fase autonómica danse cita dende este mércores 16 en Santiago de Compostela na fase estatal do certame
Santiago de Compostela

A USC acolle dende este mércores 16 de outubro e ata o vindeiro sábado 19, a fase estatal da I Olimpíada Científica Xuvenil Española, certame destinado a fomentar e definir vocacións científicas. Esta é a terceira vez, en máis de medio século de historia das olimpíadas científicas en España, en que a capital galega acolle a final estatal dun destes eventos, tratándose da edición inaugural desta Olimpíada Científica Xuvenil.

Durante catro xornadas, os participantes poñerán a proba os seus coñecementos de matemáticas, bioloxía, física, química e ciencias da Terra nunha serie de exames que incluirán problemas, cuestións teóricas e probas experimentais. O certame comezará este mércores na Facultade de Matemáticas, a partir das 15.00 horas.

Ademais de Matemáticas, as Facultades de Bioloxía e Física, o Museo de Historia Natural, así como os centros singulares da USC en Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e en Medicina Molecular (CiMUS) acollerán as distintas actividades que integran o programa do certame e no que se enmarcan conferencias dos profesores Gonzalo Álvarez, Alberto Bugarín, José Ramón Leis, Ángel Carracedo e María José Alonso.

Éxito de participación

O acto de clausura e entrega de premios celebrarase no Salón Nobre do Colexio de Fonseca o vindeiro sábado 19 de outubro. A primeira edición desta olimpíada científica, dirixida a alumnado da ESO, contou coa participación na súa fase autonómica de case un milleiro de estudantes de ata 15 anos, repartidos por todo o territorio español. En Galicia, houbo máis dun cento de participantes, procedentes de centros das catro provincias galegas.

Detrás da Olimpíada atópase QuinteScience, a asociación de antigos participantes nas olimpíadas científicas preexistentes. O grupo de mozos que a compón leva case unha década organizando eventos para a promoción do papel da ciencia na sociedade, tanto desde a perspectiva da divulgación como da educación.

Este novo proxecto inspírase na Olimpíada Científica Xuvenil Internacional, a cal conta cunha traxectoria integrada por quince edicións e, porén, aínda non fora implantada en España. Esta olimpíada destaca principalmente pola xuventude do seu público e o seu carácter interdisciplinario. Ademais, tal e como afirman dende a organización, outorga grande importancia ao traballo en equipo e ás habilidades dedutivas dos participantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2019.