A USC, seleccionada nunha proba piloto para potenciar os cursos iniciais da lingua catalá
A USC é unha das nove universidades seleccionadas nunha proba piloto para potenciar os cursos iniciais da lingua catalá dirixida a estudantes universitarios de programas de mobilidade que ofrece o Institut Ramon Llull. O Departamento de Cultura da Generalitat de Cataluña presentou o Pacto Nacional para a Lingua para protexer, incentivar e incrementar o uso da lingua catalá en todos os ámbitos da sociedade.
Neste marco, o Departamento de ‘Recerca i Universitats’ propuxo implantar un plan de reforzo da lingua dentro do ámbito universitario. Un dos eixes deste plan fai referencia ao catalán nun contexto de internacionalización e un dos obxectivos é reforzar e ampliar os programas de acollida lingüística e cultural na orixe con colaboración co Institut Ramon Llull.
“Polo número de inscritos en programas de mobilidade, as boas relacións coa Oficina de Relacións Exteriores e os anos de tradición e bo facer da Área de Filoloxía Catalá, a USC foi unha das institucións seleccionadas”, explicou a profesora Dolors Perarnau. A información do curso pode consultarse nesta ligazón.