USC e SERGAS impulsan un curso de Soporte Vital Avanzado os días 10 e 11 de maio
O Curso de Soporte Vital Avanzado que impulsan a USC e o SERGAS desenvolverá as súas sesións presenciais os días 10 e 11 de maio no Centro de Simulación Clínica Integral da Área Sanitaria de Santiago (CESIS). Esta actividade formativa vai dirixida a facultativos especialistas e residentes de anestesioloxía e reanimación. A inscrición pode formalizarse premendo nesta ligazón.
O curso está organizado pola Facultade de Medicina da USC, o Servizo de Anestesia do CHUS, a Sociedade Española de Anestesia (SEDAR), o European Resuscitation Council e o CESIS. Por primeira vez en Galicia, ponse en marcha esta actividade formativa coa participación directa dun servizo de anestesia do SERGAS e este organismo europeo.
Os obxectivos do curso son coñecer os algoritmos de Soporte Vital Avanzado e os aspectos diferenciais da contorna de quirófano e coidados críticos; así como xestionar un equipo de PCR mediante a aplicación dos recursos dispoñibles nunha situación de crise. O soporte vital avanzado (SVA) é a atención médica proporcionada por profesionais da saúde xeralmente dentro dunha unidade de coidados intensivos.