Ir o contido principal

A USC sitúase na posición 414 de entre as mil mellores universidades do mundo

Das corenta españolas, a USC ocupa a novena posición
Das corenta españolas, a USC ocupa a novena posición
De entre as 40 universidades españolas, ascende á novena posición

De entre máis de 27.000 institucións de todo o mundo avaliadas, a Universidade de Santiago sitúase na posición 414 no ránking das mil mellores universidades que elabora o Center for World University Rankings (CWUR). Esta clasificación preséntase na súa web como a única de ámbito universitario global que “mide a calidade da educación e a capacitación do estudantado, así como o prestixio do persoal docente e a calidade da súa investigación, sen depender de enquisas ou da presentación de datos universitarios”.

De entre as corenta universidades españolas presentes neste listado, a de Santiago é a novena dun listado que encabeza a de Barcelona seguida de Autónoma de Barcelona, Complutense de Madrid, Valencia, Autónoma de Madrid, Navarra, Pompeu Fabra, Granada, Santiago e Sevilla. Os aspectos nos que a Universidade de Santiago acada unha mellor valoración son os de rexistros de patentes, calidade do cadro docente, citacións ou calidade docente, impacto e publicacións.

Na súa elaboración, CWUR pondera “oito indicadores obxectivos e robustos”, como son calidade da educación (25%), empregabilidade de ex alumnado (25%), calidade docente (25%), publicacións (5%), influencia (5%), citacións (5%), impacto (5%) e patentes (5%). Así, tómase en consideración o número de alumnado universitario e de docentes ou investigadores que teñen gañado algún premio ou recoñecemento internacional; o ex alumnado que ocupa posicións como CEO en compañías internacionais destacadas; o número artigos de investigación en xornais de alto impacto e os máis citados; o índice h correspondente á cada universidades ou o número de solicitudes de patente internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2017.