Ir o contido principal

A USC e a Sociedad Española de Medicina General crean a Cátedra SEMG de Medicina de Familia

O reitor da USC, Senén Barro, e o presidente da Sociedad Española de Medicina General (SEMG), Benjamín Abarca Buján, asinaron este luns, día 30, un convenio de colaboración para a creación da Cátedra SEMG de Medicina de Familia. No transcurso deste acto, Senén Barro manifestou a importancia desta cátedra por ser a primeira en España na que unha sociedade estatal colabora cunha universidade para por en marcha toda unha serie de proxectos que, ao final, beneficiarán á sociedade civil.
A dirección desta Cátedra corresponderalle ao profesor do Departamento de Medicina da USC José Antonio Torre Carballada, tendo como co-director ao decano da Facultade de Medicina, José María Fraga Bermúdez e como secretario ao director do Departamento de Medicina da USC, José Ramón González Juanatey. En calquera caso e segundo se recolle no convenio asinado, todos os membros da dirección deberán ser acordados coa SEMG e responderán a un perfil de prestixio profesional, técnico e científico recoñecido no ámbito da Cátedra.
Ademais do reitor da USC e o presidente da SEMG, no acto de sinatura do convenio participaron todos os responsables da Cátedra xunto co vicerreitor de Relación Institucionais, Lourenzo Fernández; o xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Jesús Caramés e o ex presidente da SEMG, José Manuel Solla.
Durante a sinatura do convenio, Senén Barro fixo fincapé en que con esta Cátedra posibilitarase a colaboración da USC e das asociacións hispano americanas de carácter médico irmandadas coa SEMG na realización de actividades relacionados co ámbito temático propio da Cátedra, dato que tamén destacou Benjamín Abarca Buján na súa intervención.
Asemade, o actual presidente da SEMG resumiu que esta Cátedra terá como obxectivos realizar actividades docentes de pregrao encamiñadas a formar e educar aos estudantes de Medicina nos valores, achegar os conceptos e habilidades en atención primaria de saúde, así como promover actividades de docencia, investigación, formación e documentación neste eido.
Outros fins que acometerá a Cátedra son os de facilitar o intercambio de experiencias tanto no eido do coñecemento coma no da investigación; realizar actividades de posgrao habilitando liñas de docencia, de investigación e de desenvolvemento de teses de doutoramento para os médicos relacionadas coa Medicina de Familia e a Atención Primaria. Tamén se favorecerá a difusión e o coñecemento das investigacións que se realicen.
Pola súa banda, o vicerreitor de Relacións Institucionais comentou no acto que este tipo de Cátedras son un “efectivo” instrumento de participación na sociedade tanto en España como, neste caso, con Iberoamérica. Nesta liña, Torre Carballés agradeceu a creación de Cátedras coma esta que permitirán ofrecer ferramentas aos médicos de familia fomentando a formación en investigación biomédica entre un colectivo que precisa destes coñecementos para achegarse ás últimas investigacións publicadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.07.2007.