Ir o contido principal

A USC, subcampioa no galego universitario de vela

A tripulación, no centro, con Javier Rico (á esquerda) e a técnica de Deportes Ana Martínez (á dereita)
A tripulación, no centro, con Javier Rico (á esquerda) e a técnica de Deportes Ana Martínez (á dereita)
A competición tivo lugar en Vilagarcía de Arousa organizada pola Universidade de Vigo

A Universidade de Santiago quedou en segunda posición no Campionato Galego Universitario de Vela que tivo lugar en Vilagarcía de Arousa organizado pola Universidade de Vigo. A Universidade da Coruña foi a vencedora desta competición.

Foron nove tripulacións, integradas por 35 estudantes das tres universidades galegas, as que tomaron parte na cuarta edición deste certame deportivo, no que a vitoria foi para unha das cinco embarcacións coas que a Universidade da Coruña (UDC) concorría a esta competición, na que acadou tamén o primeiro posto no cómputo global por universidades. A institución viguesa estivo representada por tres tripulacións, mentres que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) contou cun único representante.

Aberto á participación de estudantes que fosen tamén regatistas federados, o campionato tivo como sede o Centro Galego de Vela e desenvolveuse con barcos Elliot de 6 metros e tripulacións mixtas. Na final, alzouse coa vitoria unha das embarcacións que representaba á UDC, integrada por Marta Torres, Fernando Núñez, Hannah Sofía Carregui e Jaime Herrero. A medalla de prata foi para a única tripulación da USC, completando o podio outro dos barcos tripulados dos estudantes da Coruña. En cuarto lugar rematou o barco tripulado polos estudantes da UVigo Nicolás Domínguez, Emma Arana e Sergio Golpe.

As instalacións do Centro Galego de Vela acolleron tamén o acto de entrega de premios, no que participaron a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; a vicerreitora de Cultura, Divulgación e Deporte da UDC, Cristina Naya; o adxunto ao reitor da USC Javier Rico, e o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde.

A competición celebrada este xoves constituía a segunda cita da 27 edición dos Campionatos Galegos Universitarios (CGU), que botaron a andar este martes no campus de Ourense coa competición de natación. Coa participación de 600 alumnos e alumnas das tres universidades e o patrocinio, por primeira vez, da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, os CGU retomarán a súa actividade os días 12 e 13 de marzo na Coruña, onde terán lugar as competicións de deportes colectivos, que abranguen fútbol, fútbol sala, rugby, baloncesto, voleibol e balonmán. Finalmente, o 25 de marzo terá lugar o campionato de orientación, organizado pola USC.

O equipo de vela da USC, nun momento da competición
O equipo de vela da USC, nun momento da competición
Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.02.2025.