Ir o contido principal

A USC súmase ás condolencias da Facultade de Xeografía e Historia polo pasamento de Justo Beramendi

Fundador do grupo de investigación Hispona (Historia política e dos nacionalismos), do que foi primeiro coordinador, Beramendi desenvolveu un frutífero labor investigador e docente
Fundador do grupo de investigación Hispona (Historia política e dos nacionalismos), do que foi primeiro coordinador, Beramendi desenvolveu un frutífero labor investigador e docente
A historia das ideoloxías políticas e, nomeadamente, a historia dos nacionalismos conformaron o seu obxecto de estudo preferente, ámbito no que a súa obra salienta polo “sólido fundamento e orixinalidade teórica, así como pola súa rigorosidade metodolóxica e hermenéutica”
Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela súmase ás condolencias da Facultade de Xeografía e Historia polo pasamento do profesor Justo Beramendi González quen “mantivo sempre unha coherente posición de intelectual comprometido cos principios da democracia, o pluralismo político e nacional, a tolerancia e a defensa dos principios de xustiza e solidariedade social”. A historia das ideoloxías políticas e, nomeadamente, a historia dos nacionalismos, deveu no seu obxecto de estudo preferente, ámbito no que a súa obra salienta polo “seu sólido fundamento e orixinalidade teórica, así como pola súa rigorosidade metodolóxica e hermenéutica”, tal e como lembraron dende a Facultade na que impartiu docencia como profesor titular dende 1988 e dende 1995 como catedrático. Entre os anos 1991 e 1994, Beramendi foi vicerreitor de Política Cultural.

Justo Beramendi González naceu en Madrid en xullo de 1941. Fillo de proxenitores comprometidos coa República, pasou a súa nenez en Almería, onde a súa nai fora destinada como funcionaria de Correos. Despois de rematar o bacharelato, estudou Enxeñaría Industrial en Madrid, onde conectou cos ambientes estudantís antifranquistas. Fuxindo da policía, foise vivir a Barcelona a comezos dos setenta, onde compaxinou a actividade de tradutor de libros de arte e arquitectura co comezo dos estudos da súa verdadeira paixón, a Historia, na Universidade de Barcelona. Interesouse neses anos ademais pola filosofía política, promovendo a revista Negaciones e os congresos de “novos filósofos”, e na economía política, froito da cal é o seu libro, en colaboración con E. Fioravanti, Miseria de la economía (1974).

En 1975, convértese en secretario da comisión cultural do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), polo que se estabelece en Compostela, “cidade que adoptou como súa, igual que a lingua e cultura do seu novo país de adopción”, salientan dende Xeografía e Historia. Cursa e remata os estudos de Historia na USC, compaxinándoos co seu labor no COAG, a militancia política por un tempo no Partido Socialista Galego, e o impulso á creación do Museo do Pobo Galego (MPG), entidade á que estivo ligado polo resto dos seus días.

Ao rematar os estudos de Historia, elaborou a súa tese de licenciatura sobre a figura do intelectual galeguista Vicente Risco, publicada en 1981 como Vicente Risco no nacionalismo galego. Abordou tamén o estudo do nacionalismo galego no primeiro terzo do século XX, como bolseiro de investigación da incipiente área de Historia Contemporánea da USC, ao tempo que impartía aulas desa materia. A súa tese, defendida en 1987, constituíu a base para diversos libros dedicados a persoeiros e etapas da historia do galeguismo e, sobre todo, para o libro Galicia, de provincia a nación (2007), merecente do Premio Nacional de Ensaio no ano 2008, ademais do Premio Losada Diéguez e o Premio da Crítica, entre outros galardóns. En 2017 e en recoñecemento ao seu senlleiro labor intelectual, acada a Medalla Castelao.

La Historia política: algunos conceptos básicos (1999) e El nombre de la cosa, con J. Alvarez Junco e F. Requejo (2006), así como varios volumes colectivos como Los nacionalismos en la España de la II República (1991, con Ramón Máiz), e Nationalism in Europe: Past and Present (1994, con Ramón Máiz e Xosé Manoel Núñez Seixas) integran a súa dilatada traxectoria como autor.

Fundador do grupo de investigación Hispona (Historia política e dos nacionalismos), do que foi primeiro coordinador, Beramendi desenvolveu un frutífero labor investigador e docente, deixando unha ampla nómina de discípulos/as e de teses dirixidas, e un ronsel de colaboracións académicas con especialistas en nacionalismos doutras universidades ibéricas. Nos últimos anos da súa vida, concentrou boa parte dos seus esforzos na continuidade do labor do Museo do Pobo Galego. “Foi, como docente, investigador e intelectual público, un exemplo para varias xeracións de historiadores/as e para a cidadanía en xeral”, conclúen dende a Facultade de Xeografía e Historia.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2024.