Ir o contido principal

A USC súmase á G-Night para achegarlle á sociedade o coñecemento científico dun xeito ameno e participativo

As persoas asistentes poderán participar nalgúns experimentos. FOTO: Santi Alvite
As persoas asistentes poderán participar nalgúns experimentos. FOTO: Santi Alvite
A Noite Galega das Persoas investigadoras desenvólvese o 27 de setembro en Santiago e en Lugo cunha feira científica e actividades diversas

A Universidade de Santiago súmase un ano máis á Noite Galega das Persoas investigadoras (G-Night) que terá lugar o 27 de setembro con actividades de difusión do coñecemento científico tanto en Lugo como en Compostela, co obxectivo de difundilo dunha maneira amena e coa posibilidade de participación da sociedade.

Santiago
En Santiago haberá unha feira científica de acceso libre no Claustro do Colexio de Fonseca, cun completo programa de obradoiros e demostracións que se desenvolverán de 18.00 a 21.00 horas impartidos por profesionais dos centros de investigación da USC CiMUS, CiQUS, CiTIUS, CRETUS e IGFAE.

Neles abordaranse temas coma o funcionamento dos virus (CiMUS), crebacabezas moleculares, origami de ADN e polímeros divertidos (CiQUS), o deseño e uso de chips de intelixencia artificial para o recoñecemento de idiomas ou para cámaras intelixentes, o emprego de ChatGPT ou o uso de cámaras de eventos (CiTIUS), a arqueoloxía e antropoloxía ambiental, a adaptación de plantas e liques ao estrés ambiental e o desenvolvemento de tecnoloxía ambiental (CRETUS) ou a observación dos elementos fundamentais da materia (IGFAE).

Súmase a estes no Claustro un obradoiro sobre mentes e materiais do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) e outro obradoiro sobre biomedicina da man do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA) ofrece a partir das 18.00 tres actividades sobre matemáticas contra o lume, origami e os segredos das matemáticas máis discretas.

Así mesmo, na capital galega haberá xornadas de portas abertas a partir das 16.00 horas no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) desde as 18.30 horas; para participar nestas actividades requírese inscrición previa. O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) acolle desde as 17.00 horas na súa sede en San Roque un obradoiro xuvenil para descifrar escrituras antigas. Na sede de Afundación na rúa do Vilar Xabier Pérez Couto (UDC) falará a partir das 19.00 horas sobre O metro calculado por un galego do século XX e ás 19.30 horas comeza na sede do IEGPS o roteiro A pegada das mulleres nas rúas de Compostela: unha viaxe pola nosa historia.

Lugo
O campus de Lugo, coa participación dos programas Xuvenciencia e Agromar, ofrecerá tamén un amplo programa de actividades no Mercado Municipal e na Praza de Abastos. No Mercado haberá entre as 18.00 e as 22.00 horas obradoiros de robótica a intelixencia artificial, Ciencia á Feira, areeiro de realidade aumentada, hardware de baixo custo e código aberto para control medioambiental, xestión da mobilidade urbana, impresión 3D, exposición de especies vexetais e proteínas.

Na Praza de Abastos, tamén entre as 18.00 e as 22.00 horas, haberá obradoiros sobre xogo e aprendizaxe, veterinaria, terremotos, química, bacterias, elaboración de pan, fotosíntese artificial, comunicación con fibra óptica, a estrutura das células, medición de árbores, carrachas, a estrutura do ADN e parasitos vistos ao microscopio.

Divulgación
A Noite Europea dos Investigadores é un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte Europa, que ten lugar simultaneamente en case 400 cidades europeas dende 2005.

Ademais da Universidade de Santiago, participan na G-Night as universidades de Vigo -que coordina este ano o evento- e A Coruña e os seus centros asociados, así como os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia, os Museos Científicos Coruñeses e o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía a través da súa sede na Coruña. O programa completo pode consultarse na web do evento.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2024.