A USC súmase ao programa de Correspondentes Universitarios

A USC acaba de sumarse ao programa de Correspondentes Universitarios para a difusión da información xerado dende a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado entre o alumnado universitario galego, favorecendo a súa participación tanto na elaboración como na difusión da información entre iguais. Esta incorporación quedou formalizada nun convenio asinado entre o reitor Antonio López e a conselleira de Política Social, Fabiola García.
As persoas que actúen como correspondentes ocuparanse de difundir a información sobre os distintos programas e iniciativas para a xuventude entre os seus compañeiros de facultade, residencias e amizades. Xestionarán un punto de información con material sobre temas de interese que lles facilitará a Dirección Xeral de Xuventude, tamén promocionarán esta información a través das redes sociais e terán que asistir a reunións de coordinación e cursos de formación.
Como contrapartida a este labor recibirán de balde o carné xove, o carné internacional e o de alberguista. Ademais, recoñeceráselles cun certificado o tempo dedicado como persoas voluntarias a esta actividade e as competencias e habilidades que adquiriron durante esta experiencia. Tamén poderán validar ata un máximo de tres créditos. O programa de Correspondentes Universitarios fomenta a participación activa dos estudantes como dinamizadores da información xuvenil, ao mesmo tempo que potencia aspectos formativos como as habilidades comunicativas e de liderado dos participantes.
Segundo o acordo asinado, a Consellaría de Política Social facilitará a formación básica en materia de información xuvenil e voluntariado, ademais de seleccionar ao alumnado do programa e organizar unhas xornadas de formación e orientación dos correspondentes xuvenís de 2º de Bacharelato nos campus da USC. A duración inicial deste acordo estenderase por un período de catro anos.