A USC súmase á Semana Internacional do Acceso Aberto

A USC súmase ás celebracións da 10ª Semana Internacional do Acceso Aberto que se estenderá ata o próximo domingo 29. Co lema ‘Aberto para...’ é unha iniciativa que pon a atención nos beneficios concretos que o persoal investigador, os grupos de investigación e o conxunto da institución universitaria poden obter coa difusión en aberto dos seus resultados.
Neste contexto, a Biblioteca Universitaria da USC, baixo o lema ‘Aberto para reunir a produción científica da USC’ organizou a primeira edición do Minervaton, unha sesión de arquivado no repositorio Minerva de contidos en aberto publicados polo PDI da universidade compostelá. Ademais, dentro desta mesma Semana do Acceso Aberto nas vindeiras semanas a BUSC organizará un obradoiro de autoarquivado en Minerva dirixido a Persoal Docente e Investigador. Ademais, o Servizo de Normalización Lingüística elaborou o Glosario básico de acceso aberto (galego-inglés) .
Minerva
A produción científica da USC está accesible nun único punto en acceso aberto dende 2014 a través do repositorio institucional Minerva no que se poden consultar as coleccións bibliográficas dixitalizadas e a produción investigadora e docente dos membros da institución docente compostelá. Minerva alberga, preserva a difunde por esta canle os documentos dixitais resultantes das actividades de investigación e docencia da USC.