Ir o contido principal

A USC súmase á Semana Internacional de Acceso Aberto

A USC súmase á Semana Internacional de Acceso Aberto
A USC súmase á Semana Internacional de Acceso Aberto
O venres 24 celebrarase un taller de presentación do repositorio institucional Minerva

A USC súmase ao longo destes días á sétima edición da Semana Internacional de Acceso Aberto que, entre outros cometidos busca promover entre o persoal investigador e as institucións o valor da difusión aberta da produción científica. Así, a Vicerreitoría de Investigación e Innovación, coa colaboración da Biblioteca Universitaria, organizará o vindeiro venres 24 un taller de presentación do repositorio institucional Minerva (http://minerva.usc.es) no que tamén se aludirá ás prestacións que oferta para xestionar o proceso de Open Access da produción científica dos investigadores da universidade compostelá. O obradoiro, co lema ‘Xestión da produción científica en Open Access’, desenvolverase a partir das 10.00 horas na Aula 5 da Facultade de Bioloxía, estando dispoñible igualmente para o Campus de Lugo (edificio CACTUS) a través de videoconferencia. Intervirán a bibliotecaria e coordinadora do repositorio Minerva, Nieves Rodríguez; a directora da Biblioteca Universitaria da USC, Isabel Casal Reyes; e a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey. O repositorio Minerva reúne nun único punto en acceso aberto a produción científica da USC, dando entrada ás coleccións bibliográficas dixitalizadas e á produción investigadora e docente dos membros da institución docente compostelá. A súa implantación supuxo, con respecto ao recursos previos, unha transición a un sistema de autoarquivo que pon o acento no/a usuario/a , xa que o persoal rexistrado pode subir ao repositorio a súa produción científica e darlle máis visibilidade. Esta é unha iniciativa que promove o acceso libre e gratuíto á literatura científica e académica como medio para mellorar o sistema de comunicación científica e o acceso ao coñecemento. O desenvolvemento de Minerva dá un salto cualitativo na integración da produción científica da USC, facilita a difusión de resultados de investigación, incrementa o impacto e a visibilidade das publicacións e traballos científicos, garante a preservación e conservación a longo prazo da produción intelectual universitaria, incentiva o uso da produción científica propia e ofrece servizos de valor engadido a través do emprego de estándares internacionais. Inicialmente organizouse en cinco grandes comunidade: Biblioteca Universitaria, I+D+i, Docencia e innovación educativa, Institucional e Arquivo Histórico Universitario, que á súa vez se organizarán en subcomunidades temáticas que agrupan os seus contidos en coleccións. Actividades OA No contexto desta Semana Internacional dedicada ao Open Access (OA), Rebiun e FECYT organizan ademais unha serie de seminarios que estarán dispoñibles en liña (http://www.accesoabierto.info). Este martes está previsto un debate que dende a Universidade de Córdoba aborda os desafíos do acceso aberto. Ademais, o xoves 23 haberá un seminario en liña sobre identificadores na literatura científica. A maiores destas iniciativas, a Biblioteca Universitaria da USC participou na redacción e difusión dun folleto informativo que a Rede de Bibliotecas Universitaria da CRUE (Rebiun) difunde co lema ‘ Beneficios do acceso aberto para a túa universidade. O que non é visible, non se comparte e non se difunde’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.10.2014.