Ir o contido principal

A USC súmase á Semana Internacional dos Arquivos

Imaxe do interior do AHUS. FOTO: Santi Alvite
Imaxe do interior do AHUS. FOTO: Santi Alvite
Un relatorio e unha visita guiada integran o programa de actividades impulsado dende o Arquivo Histórico Universitario
Santiago de Compostela

Dende este luns 6, ata o venres  10 de xuño, desenvólvese a Semana Internacional dos Arquivos #IAW2022 para invitar a reflexionar sobre o que significa ser arquiveiro/a e sobre o que os arquivos representan para a sociedade. Baixo esta premisa, o Arquivo Histórico Universitario (AHUS) súmase a esta celebración que se difundirá en redes sociais co cancelo #SomosArquivo. Un relatorio e unha visita guiada integrarán a axenda da USC para conmemorar esta efeméride.

Así, o relatorio ‘A familia Malvar: o ascenso social a través dos documentos de nobreza’ correrá a cargo de Ernesto Vázquez-Rey, investigador, membro do Consello Internacional de Arquivos e presidente da Fundación Malvar. O acto terá lugar o vindeiro mércores 8 de xuño ás 18.00 horas na Sala de conferencias do AHUS. Auspiciado en gran medida polos documentos conservados no Arquivo da USC, o autor afondará na análise de diversas executorias de fidalguía e expedientes de limpeza de sangue e nobreza que permitiron aos membros da familia Malvar gozar dunha preeminencia social e política ao longo da historia.

Doutra banda, o venres 10 de xuño, ás 12.00 horas, desenvolverase unha visita guiada ás instalacións do arquivo. A iniciativa está limitada a 20 persoas por mor da capacidade do espazo, motivo polo cal se aconsella contactar co AHUS a través do enderezo arquivo.historico [at] usc.es (arquivo[dot]historico[at]usc[dot]es)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2023.