A USC sumouse á Semana Internacional do Acceso Aberto
Esta semana, ata o venres 26, celébrase en todo o mundo a Semana Internacional do Acceso Aberto. A Biblioteca Universitaria da USC (BUSC), como parte deste movemento, sumouse ás celebracións que baixo o lema ‘Deseñando bases equitativas para o coñecemento aberto’ teñen lugar nesta semana e ao longo de todo o mes de outubro.
En primeiro lugar, desenvolvéronse diversos obradoiros de autoarquivo orientados ao persoal docente e investigador e inscritos no marco do Programa de Formación e Innovación Docente (PFID). Un dos obxectivos destes obradoiros, ademais de dar coñecer as bases nas que asenta o movemento AO (Acceso Aberto), é proporcionar formación axeitada para facer depósito de documentos en Minerva dun xeito autónomo.
Por outra banda, persoal da BUSC participou na segunda edición do Minervatón, unha acción colectiva baseada nas editatóns da Wikipedia e que consistiu no arquivo no noso repositorio de artigos publicados en acceso aberto por parte do PDI da USC durante o ano 2017. Ademais de proporcionar máis visibilidade á produción científica da universidade, conseguiuse, tamén cumprir cos mandatos de Acceso Aberto esixidos polos organismos de financiamento.
A maiores destas dúas accións que tiveron lugar na sede USC, a BUSC, xunto coa Biblioteca da Universidade de León, participa na creación e coordinación do xogo en liña #siguelapistadelOA que dende as redes sociais de REBIUN propón unha achega lúdica aos recursos en aberto das universidades españolas. Coa CRUE-REBIUN, a BUSC colabora na construción e mantemento da páxina das actividades que se celebran en España con motivo da conmemoración desta Semana.