A USC, na terceira posición das mellores universidades de España 2021 segundo Forbes
Forbes acaba de facer público un ránking no que sitúa a USC en terceira posición de entre as 20 mellores universidades de España 2021, destacándoa pola calidade do seu profesorado e en investigación. A lista Forbes salienta da USC os seus máis de cinco séculos de historia, así como “o seu prestixio académico e a súa excelencia en investigación”. Alén destes méritos, subliña igualmente a dimensión social da universidade compostelá e destácaa pola súa prestación de servizos e contribución ao desenvolvemento social, económico e cultural da sociedade galega.
Forbes destaca tamén a solvencia académica da USC, “cunha oferta de títulos atractiva e capaz de atraer o mellor estudantado, a fin de manter de xeito sostible unha actividade de I+D+i de excelencia e conectada coa contorna”. Neste senso, o informe fixa como un dos obxectivos da USC a súa proxección como “unha universidade de referencia internacional” que “busca manterse comprometida coa sociedade e ser parte fundamental do motor do seu benestar”.
Para a elaboración deste informe, Forbes enviou ás universidades públicas e privadas españolas un formulario con máis de medio cento de preguntas organizadas en cinco bloque nos que se analizou en base a datos obxectivos a experiencia alumnado (30% da cualificación final de cada institución avaliada); preparación para a vida laboral (30%); calidade do profesorado e da investigación (15%); perspectiva internacional (15%); e prezo e accesibilidade (10%).
Os criterios de avaliación para o ránking Forbes foron analizados por un comité internacional de expertos en educación superior encargado de valorar o peso específico de cada criterio de acordo coas particularidades do sistema universitario español. Os datos de estudos nacionais como o Barómetro de empregabilidade e emprego universitario ou as estatísticas e indicadores do Sistema Integrado de Información Universitaria (SIIU) serviron para avaliar as respostas obtidas coa experiencia do comité de expertos.