A USC, terceiro centro oficial en España examinador de xaponés
As persoas interesadas en acreditar oficialmente o seu nivel de xaponés poden facelo xa no Centro de Linguas Modernas da USC (CLM), que se converteu recentemente no terceiro centro examinador do diploma NOKEN (Nihongo nōryoku shiken) de España, logo das Universidades Autónoma de Barcelona e Autónoma de Madrid. Para facilitar a preparación deste exame análogo ao CELGA para o galego e ao DELE para español, o CLM oferta este verán un curso intensivo de 20 horas a desenvolver do 9 ao 20 de xullo e para o que o prazo de inscrición remata o 25 do presente mes. Xaponés na USC
Nos dezaseis anos que o Centro de Linguas Modernas leva impartindo xaponés pasaron xa polas súas aulas máis de seiscentos estudantes, cun crecemento exponencial cada ano. Se en 1996 eran 22 as persoas matriculadas, este ano son xa 81 as interesadas e coa matrícula do intensivo de verán aínda aberta.