A USC traballa na definición da carreira profesional do persoal de investigación
• Un dos primeiros obxectivos deste grupo, do que forman parte os colectivos sindicais con representación na Comisión Paritaria, é a definición dun calendario de actuacións
A Xerencia da Universidade de Santiago de Compostela está a traballar, da man das organización sindicais que compoñen a Comisión Paritaria para o seguimento do acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e de apoio á investigación, no desenvolvemento da carreira profesional do persoal de investigación.
O grupo de traballo, reunido pola Xerencia por primeira vez este venres 24 e composto por representantes de CC.OO, CIG, CSIF e UGT, continuou esta semana coas xuntanzas marcando como primeiro obxectivo a definición dun calendario de actuacións que sirva de folla de ruta para o diálogo e a negociación.
Diálogo aberto con todas as partes
“Diálogo e acordo; estes son os dous piares do proceso aberto”, en palabras de Javier Ferreira, xerente da USC. Deste xeito, o seguinte paso que se dará por parte da Xerencia é traballar estas cuestións e trasladalas tamén ao persoal afectado e aos investigadoras/es principais dos que depende este persoal de investigación.