Ir o contido principal

A USC traballa en novos convenios con universidades brasileiras para liñas de investigación e mobilidade de estudantado

De esquerda a dereita, Barreiro, Hamad, Nunes, Alves, Miranda e Bueno, na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
De esquerda a dereita, Barreiro, Hamad, Nunes, Alves, Miranda e Bueno, na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
Profesores de dúas universidades brasileiras que están a completar unha estadía no campus de Lugo participaron nunha recepción na Vicerreitoría de Coordinación

A USC traballa no establecemento de dous novos convenios bilatareais coa Universidade Federal do Oeste do Pará (Ufopa) e a Universidade Federal Rural do Semi-Árido (Ufersa), dúas institucións académicas brasileiras que, xunto coa Universidade de Sâo Paulo, participan coas profesoras e investigadoras da Facultade de Veterinaria campus de Lugo da USC Marta Miranda e Marta López Alonso no desenvolvemento de dous proxectos de investigación apoiados polo Goberno de Brasil.

Os programas impulsados polo Goberno de Brasil ‘Monitorización ecotoxicológica de áreas de exploración mineral na rexión oeste do Estado de Pará por medio de modelos animais acuáticos’ e ‘ Monitorización ambiental de metais tóxicos esenciais en modelos animais bovinos nos estados de Sâo Paulo e Pará’, nos que as profesoras da USC Marta Miranda e Marta López Alonso figuran como expertas internacionais, constitúen na actualidade a única ligazón entre USC, Ufopa e Ufersa, dúas universidades coas que a USC aínda non conta con convenio bilateral, a diferenza do que ocorre coa Universidade de Sâo Paulo. O obxectivo destes dous proxectos de investigación é o de establecer mecanismos de medición e control de elementos tóxicos esenciais en peixes e vacún como marcadores de contaminación ambiental, un liña de traballo que concorda co traballo desenvolvido no grupo de investigación Metanimal da USC, ao que pertencen López Alonso e Miranda Castañón. Ante os bos resultados que está a deparar a experiencia de traballo conxunto entre a USC e estas dúas universidades brasileiras no marco destes proxectos e dadas as vantaxes que reporta o emprego de linguas familiares (galego e portugués), as dúas profesoras de Veterinaria implicadas directamente nestes proxectos promovidos polo Goberno de Brasil, pretenden regular e potenciar estas colaboracións entre as universidades a través de dous convenios bilaterais entre a USC e Ufersa e Ufopa. A sinatura destes acordos marco entre institucións académicas non se limitará a regulación deste tipo de achegas e intercambios científicos, senón que con estes acordos, a Facultade de Veterinaria de Lugo tamén pretende abrir camiños para que posgraduados brasileiros poidan completar estadías de investigación predoutoral no campus de Lugo, ademais de explorar posibles programas de mobilidade de estudantes de grao entre as universidades dun e doutro lado do Atlántico. No marco desta colaboración interuniversitaria encádrase a visita ao campus de Lugo dunha delegación universitaria brasileira conformada polos profesores e investigadores da Ufersa Raimundo Alves Barrêto Júnior e Talita Nunes, ademais de Antonio Humberto Hamad Minervino, da Universidade Federal do Oeste do Pará. Esta comitiva brasileira participou este venres nunha recepción institucional na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, un acto no que participaron o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2015.