A USC traballa con universidades de Asia Central para a mellora da súa formación en economía circular e sustentabilidade

Os grupos de investigación ICEDE e POSMARK da USC lideran o proxecto ERASMUS+ CirculEC, que ten por obxectivo capacitar Universidades de Asia Central para mellorar a formación en economía circular e sustentabilidade que ofrecen ao seu estudantado de grao, mestrado e formación continua.
Precisamente esta semana a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC está a recibir a visita dunha delegación de 11 universidades de Kazaxistán, Taxiquistán, Usbequistán e Turkmenistán que participan neste proxecto. financiado polo programa Erasmus+ CBHE da Comisión Europea.
Durante toda esta semana a delegación estranxeira recibirá formación en economía circular e sustentabilidade, para o que se conta coa colaboración de dúas empresas circulares de Santiago, TEIMAS e ARROUPA. TEIMAS é unha empresa especializada en solucións tecnolóxicas innovadoras e eficientes para a xestión de residuos e a economía circular. Pola súa banda, ARROUPA é unha empresa de inserción laboral en materia de reutilización téxtil que dende 2015 ofrece servizos de recollida de téxtil e complementos, clasificación e venda ao público en tendas propias.